Pasar al contenido principal

A convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde recoñece catro proxectos nos que participa a USC

A USC acadou o recoñecemento de catro proxectos ao abeiro desta convocatoria. FOTO: Santi Alvite
A USC acadou o recoñecemento de catro proxectos ao abeiro desta convocatoria. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela lidera unha investigación sobre transporte de antibióticos para combater a resistencia bacteriana e participa noutras tres sobre a Esclerose lateral amiotrófica, a radioterapia FLASH e a aterosclerose
Santiago de Compostela

Un total de catro proxectos nos que intervén a USC, un deles como institución coordinadora, acaban de ser seleccionados no marco da sexta edición da convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde, promovida pola Fundación ‘la Caixa’. A convocatoria que este ano recibiu un total de 493 propostas, das cales só reciben financiamento 33, ten por obxecto impulsar a investigación biomédica de excelencia con grande impacto social en investigación básica, clínica e traslacional. 

Resistencia bacteriana 

A USC liderará un proxecto de loita contra a resistencia bacteriana que quere crear unha nova aproximación para facilitar o transporte de antibióticos a través da membrana celular. O investigador principal é Javier Montenegro do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS). “A resistencia bacteriana está a converterse nun dos maiores desafíos para o futuro da saúde humana”, explica o profesor Montenegro. “Debido ao aumento de microorganismos multirresistentes sumado á falta de novos antibióticos, estímase que para o ano 2050 dez millóns de persoas en todo o planeta poderían morrer cada ano despois de contraer este tipo de infeccións de bacterias resistentes”, engade. 

Unha das principais eivas á hora de desenvolver novos antibióticos é que moitas das moléculas dispoñibles, aínda que teñen unha prometedora capacidade bactericida, non son capaces de atravesar a membrana das bacterias. E aínda que existen algunhas estratexias actuais para facilitar que traspasen a membrana bacteriana, “o certo é que teñen importantes limitacións de eficacia e estabilidade”, matiza o investigador do CiQUS. Neste proxecto, o equipo investigador utilizará unha nova aproximación para enfrontarse a este reto: basearase nunha propiedade do boro descuberta moi recentemente que permite o transporte de moléculas hidrófilas a través de membranas celulares. O coñecemento xerado polo proxecto abrirá a porta á posibilidade de utilizar o boro para transportar moléculas con propiedades antibióticas a través da membrana bacteriana.

Esclerose lateral amiotrófica

Ao abeiro desta convocatoria, seleccionáronse tamén outros tres proxectos que contan coa participación da Universidade de Santiago de Compostela. A investigadora Aurora Gómez Durán, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), participa nun deles. Trátase da investigación liderada polo Centro de Investigacións Biolóxicas Margarita Salas (CIB-CSIC) que quere descifrar o papel das alteracións do metabolismo celular no desenvolvemento da esclerose lateral amiotrófica (ELA). 

Estudos previos levados a cabo polo equipo do proxecto demostraron que as alteracións metabólicas nas neuronas motoras de pacientes con ELA, dende os estadios presintomáticos ata a aparición dos primeiros síntomas da enfermidade, ocorren no citoplasma da célula, nunha rexión denominada retículo endoplasmático, que realiza diferentes funcións celulares, e en concreto nas membranas do retículo endoplasmático asociadas ás mitocondrias. De feito, a regulación do metabolismo das graxas ten lugar nesas membranas do retículo endoplasmático. No presente proxecto, os e as investigadoras analizarán e monitorizarán esas alteracións metabólicas que se producen nas membranas do retículo endoplasmático, tanto en modelos animais como en células humanas e en mostras de sangue procedentes de pacientes con ELA. “O obxectivo é dilucidar que papel desempeñan esas alteracións do funcionamento das membranas do retículo endoplasmático na aparición da enfermidade”, explican dende o equipo investigador. O coñecemento xerado abrirá a posibilidade de achar novas dianas terapéuticas potenciais.

Radioterapia FLASH

O profesor da Facultade de Física da USC Faustino Gómez participa nunha iniciativa liderada polo Instituto de Microelectrónica de Barcelona (IMB-CNM, CSIC) que desenvolverá sensores que permitan controlar as doses aplicadas durante a radioterapia FLASH. “Unha radioterapia precisa implica focalizar no tumor doses o bastante elevadas como para destruílo á vez que se evita danar os órganos sans circundantes”, relatan dende o equipo investigador. Isto supón un reto na área da física médica, xa que non se poden dar doses excesivamente altas, que poderían producir efectos secundarios nos tecidos sans contiguos ao tumor. 

Nos últimos anos, unha innovadora terapia chamada FLASH abriu a posibilidade de superar esta eiva: con esta nova modalidade de tratamento pódense administrar doses moito máis elevadas a unha velocidade ultrarrápida. Isto permite aumentar a cantidade de radiación que recibe o tumor, á vez que se reduce a toxicidade nos tecidos sans. Con todo, a implementación clínica desta innovadora técnica require sensores capaces de cuantificar as doses nestas condicións de radiación extrema. Por ese motivo, no presente proxecto desenvolverase un instrumento capaz de monitorizar as doses aplicadas na terapia FLASH, o cal posibilitará optimizar o seu impacto nos pacientes.

Aterosclerose

Pola súa parte, a profesora da USC Mabel Loza participa, a través da Fundación Kaertor, nun proxecto do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC) que traballa nunha molécula producida pola microbiota intestinal que permita a detección precoz e o tratamento da aterosclerose, ou o que é o mesmo, a acumulación de graxas, colesterol e outras sustancias que levan á inflamación da parede vascular das arterias.

Na actualidade pódese detectar o desenvolvemento da aterosclerose de forma temperá usando técnicas de imaxe avanzada; con todo, estas técnicas teñen un custo elevado e resulta complicado implementarlas a grande escala nos hospitais. En estudos previos nun modelo animal, o grupo identificou que unha molécula producida por bacterias da microbiota intestinal é un biomarcador temperán da aterosclerose e que bloquear a interacción co seu receptor celular prevén a progresión da enfermidade. Neste proxecto, os e as investigadoras profundarán “no posible uso da identificación da concentración desta molécula en plasma como biomarcador para identificar as primeiras fases da aterosclerose e tamén para predicir futuros eventos cardiovasculares de modo máis sinxelo que coas complexas técnicas de imaxe avanzada”. Así mesmo, indagarán nos mecanismos polos que este composto contribúe á progresión da enfermidade. O coñecemento xerado podería facer posible achar novas dianas para tratar a aterosclerose.

Tres anos

A convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2023 está dotada cun total de 25,3 millóns de euros e os proxectos desenvolveranse durante os próximos tres anos. As axudas supoñen un apoio económico de ata 500.000 euros para proxectos presentados por unha única organización de investigación e de ata un millón de euros para proxectos presentados por consorcios de entre dúas e cinco organizacións de investigación. A convocatoria tamén está apoiada pola Fundación Luzón, que subvenciona, xunto coa Fundación ‘la Caixa’ o proxecto sobre a esclerose lateral amiotrófica (ELA).
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2023.