Pasar al contenido principal

As tres Universidades e a Xunta modernizarán infraestruturas e servizos nos sete campus

O reitor da USC durante a súa intervención no acto de sinatura. FOTO: Santi Alvite
O reitor da USC durante a súa intervención no acto de sinatura. FOTO: Santi Alvite
O investimento na USC centrarase na construción do novo centro de Ciencias da Saúde, na reforma das facultades de Medicina e Odontoloxía e Química e na reorganización, reforma e ampliación do Complexo Docente do Campus de Lugo
Lugo, Santiago de Compostela

Os reitores das tres universidades públicas galegas, Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) asinaron este luns 27, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, dous convenios de colaboración para apoiar a dixitalización e mellora das infraestruturas das tres institucións académicas. O primeiro deles supón a primeira inxección do novo Plan de infraestruturas para renovar e construír facultades e centros; mentres que o segundo convenio, incluído na folla de ruta de financiamento, está dirixido a apoiar a dixitalización e mellora da sostibilidade das instalacións.

“Este é un convenio importante e especial porque o plan de financiamento cubre as necesidades ordinarias do funcionamento diario das universidades pero existen outras que non se poden cubrir como é o caso das infraestruturas”, explicou Antonio López, en relación ao primeiro dos convenios asinados este luns. O novo Plan de infraestruturas é a xuízo de Antonio López “unha peza fundamental no financiamento do sistema universitario do SUG”, do mesmo xeito que tamén é crucial o acordo en materia de dixitalización.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Educación, estes acordos van permitir “modernizar os servizos e instalacións dos sete campus para consolidar a excelencia e calidade destas institucións”. “Os galegos temos que estar orgullosos das nosas universidades e do traballo feito na última década, pero a nosa obriga e seguir unindo esforzos cun obxectivo común: ofrecer aos estudantes as mellores condicións para o seu desenvolvemento económico e persoal”, salientou Román Rodríguez. 

No caso concreto da Universidade de Santiago de Compostela, a achega centrarase en proxectos como a construción do novo centro de Ciencias da Saúde, a reforma da Facultade de Medicina e Odontoloxía, a reforma integral da Facultade de Química e a reorganización, reforma e ampliación do Complexo Docente do Campus de Lugo.

O primeiro deles será un complexo enerxeticamente eficiente que acollerá os estudos de Enfermaría, Farmacia, así como investigación en Ciencias da Saúde. A actuación do Campus de Lugo, pola súa banda, inclúe a reorganización, reforma e ampliación do Complexo Docente para acoller a Facultade de Formación do Profesorado e a de Humanidades, ademais das escolas de Enfermaría e Relacións Laborais. Esta actuación complétase cun pavillón para a docencia de educación física, así como outras dependencias específicas. 

Tamén está prevista a actualización do repositorio institucional Minerva para facilitar a difusión dos artigos, teses e demais formatos ou a implantación dun módulo específico para a xestión de recursos humanos da investigación que permitirá incorporar a información específica dos contratos de investigación á xestión xeral de recursos humanos.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.11.2023.