O ILG reflexiona no seu simposio anual sobre as dinámicas xeradas en contextos de contacto entre linguas
O simposio anual do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) bota a andar este martes 28 baixo o lema 'Contacto de linguas: identidades e ideoloxías lingüísticas'. Ata o xoves 30, o encontro abordará o papel das identidades e das ideoloxías lingüísticas nas dinámicas de variación e mudanza lingüística en contextos de contacto entre idiomas. O acto inaugural ten lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía a partir das 15.00 horas e o relatorio de apertura corre a cargo de M. Carmen Parafita Couto baixo o título 'Multilingüismo: factores gramaticais, cognitivos e discursivos'.
O encontro reúne especialistas e persoal investigador nas áreas da variación e o cambio lingüístico, do contacto de linguas e da análise do discurso para analizar a emerxencia de identidades e a (re)creación de ideoloxías a través do discurso nos contextos de contacto lingüístico, especialmente no caso de minoría ou minorización dalgunha das linguas en contacto. Ademais, “é de especial interese o papel que teñen as ideoloxías lingüísticas como eventuais axentes de cambio lingüístico nos citados contextos”, apuntan dende a organización do foro.
Programa
O simposio estrutúrase en tres seccións: ‘Variación, contacto e cambio lingüísticos en situacións de minorización lingüística’, ‘Identidades e ideoloxías lingüísticas’ e ‘Diversidade lingüística’. Na primeira delas tratarase o papel que as identidades e ideoloxías lingüísticas xogan (e xogaron) nas dinámicas de variación e cambio lingüísticos. Así mesmo, “achegarémonos á variación lingüística como indexadora de identidades sociais, culturais ou étnicas”, sinalan.
As identidades e as ideoloxías lingüísticas, especialmente, dos falantes de linguas minorizadas, serán o tema principal da segunda sección, onde tamén se atenderá á interseccionalidade destas identidades lingüísticas coas identidades étnicas ou de xénero, entre outras. A derradeira das seccións centrarase no significado discursivo que xera o emprego e manexo de repertorios lingüísticos nos contextos de contacto lingüístico. Tamén se tratará o multilingüismo, a interculturalidade ou a (super)diversidade lingüística.