A aceleradora do sector alimentario Business Factory Food, na que participa a USC, presenta a súa oferta en Lugo e Santiago

A aceleradora vertical especializada no sector alimentario Business Factory Food (BFF), unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado (Xesgalicia) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN), na que participa a USC xunto coas demais universidades galegas, entre outras entidades e empresas, presentará o mércores 27 de marzo, a partir das 12.00 horas, a súa oferta no edificio Cactus do campus de Lugo da USC. Esta sesión terá réplica o vindeiro 8 de abril na sede universitaria compostelá, cun acto que se desenvolverá a partir das 11.45 horas, no edifico Cibus de Santiago.
As xornadas de presentación da primeira edición da Business Factory Food están pensadas como sesións abertas a toda a cidadanía, aínda que as persoas que teñan interese en participar en calquera destas sesións, tanto na programada no campus de Lugo como no de Compostela, deben formalizar a súa inscrición en liña con antelación.
A BFF é unha aceleradora que busca solucionar retos do sector alimentario e da industria 4.0, a través de empresas en vías de constitución ou recentemente constituídas, ofrecendo para iso financiamento, infraestruturas, mentorización, coaching e formación. Para acadar este obxectivo, a BFF conta coa dinamización, xestión e coordinación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e co apoio de grandes empresas tractoras do sector, como Grupo Calvo, Grupo Nova Pescanova, Adegas Martín Códax, Kiwi Atlántico, Cravo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Quescrem e Torre de Núñez.
Esta nova iniciativa conta tamén cun elevado nivel de representatividade, xa que ademais das tres universidades galegas, tamén participan da Business Factory Food a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Anfaco-Cecopesca, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga). Todos os socios da BFF achegan coñecemento experto, infraestruturas e medios técnicos a disposición dos emprendedores para o desenvolvemento e avance dos seus proxectos.
Actos de presentación en Lugo e Santiago
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidirá o acto de presentación da BFF no edificio Cactus de Lugo, mentres que o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña, fará o propio na sesión programada no Cibus de Santiago. O xerente da Business Factory Food, Javier Álvarez Osuna, e Juan Feijoo Casanova, da Área de Competitividade-Igape, tamén participarán nos dous actos.