USC e Concello de Santiago fixan un marco xeral de colaboración en oito ámbitos estratéxicos para a cidade
USC e Concello de Santiago acaban de definir un marco estable de colaboración que permita o mantemento dunha relación permanente que servirá de “canle fluída de diálogo” na abordaxe de ámbitos estratéxicos para as dúas institucións. As accións terán como eixo central o desenvolvemento de Compostela. O protocolo asinado este mércores 29 polo reitor Antonio López e pola alcaldesa Goretti Sanmartín abrangue cuestións relativas a urbanismo e infraestruturas, vivenda, mobilidade, transferencia de coñecemento, prácticas formativas e proxectos de aprendizaxe e servizo, dinamización social e cultural, e igualdade.
“Temos a vontade decidida de poñer ao servizo da sociedade, do tecido económico de Compostela, o coñecemento xerado na Universidade e de ir avanzando en cada unha das liñas de actuación do protocolo para despois concretalas en convenios específicos”, sinalou Antonio López. Segundo a alcaldesa, o Protocolo que ten unha vixencia de catro anos conforma “unha canle fluída de relación entre USC e Concello, ademais de marcar os ámbitos prioritarios para as dúas institucións”. A sinerxía permitirá abordar retos para o desenvolvemento da cidade como a mobilidade sustentable ou a mellora urbana do campus.
Comisión
Deste xeito e “de forma inmediata”, crearase unha Comisión de Seguimento formada por tres representantes de cada unha das institucións “co obxectivo de velar polo cumprimento do acordado e de manter un diálogo permanente sobre a súa concreción” a través de convenios específicos ou dos acordos que correspondan, tal e como se recolle no texto asinado. Esta Comisión elevará aos órganos de goberno das dúas institucións un informe anual sobre o grao de cumprimento dos acordos, no que dea conta tamén dos seus traballos e formule as propostas que cumpran para garantir o acordado. A Comisión reunirase unha vez cada trimestre e sempre que o solicite algunha das partes. A súa presidencia será rotatoria por anos naturais, comezando en 2024 pola representación do Concello.