Formación do Profesorado aposta pola aprendizaxe divertida
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC aposta pola aprendizaxe divertida e trata de iniciar ao seu alumnado, futuros mestres e mestras de educación infantil e educación primaria, en novas metodoloxías de ensino orientadas a favorecer a transmisión de coñecementos a través de procesos de aprendizaxe que resulten amenos e divertidos para as xeracións máis novas. Unha das últimas iniciativas desenvolvidas neste senso é a celebración do Día de Pi, unha efeméride mundialmente coñecida e especialmente celebrada en Estados Unidos, pero menos difundida en España.
A difusión e posta en valor do número Pi, unha fórmula tradicionalmente asociada cos díxitos 3,14 e ao que se reduce a Natureza, segundo Newton, para quen “descubrir o misterio de Pi permite comprender o pensamento de Deus”, centra tamén unha recomendación da Real Sociedade Matemática Española, que vén de activar unha iniciativa para dar a coñecer o número Pi entre a comunidade educativa, así como entre a sociedade en xeral.
A luva lanzada pola Real Sociedade Matemática Española non caeu en saco roto, xa que as entidades matemáticas máis relevantes de España festexaron por vez primeira o Día de Pi coa organización de promoción de concursos e certames diversos (de vídeo, cómic, relatos, debuxo...) abertos á participación de toda a comunidade educativa e do resto da sociedade. As profesoras da Área de Didáctica da Matemática da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, Dolores Rodríguez Vivero e Carmen Núñez Paños, tampouco esquivaron este convite, do que fixeron partícipe ao alumnado de segundo curso do grao en Mestre en Educación Primaria matriculado na materia Ensino e Aprendizaxe da Xeometría, futuros mestres e mestras ás que encomendou reflexionar sobre o que hai detrás de Pi, así como respecto dos lugares e situacións da vida cotiá nas que esta fórmula aparece ou está presente.
Así, a través dun acto tan usual na sociedade actual como é o de facer fotos, este colectivo universitario atopou unha ocasión para razoar e empregar a súa creatividade na procura de atopar Pi nas imaxes tomadas na súa contorna ou ben de facer analoxías con esta fórmula matemática nas súas fotografías. O alumnado gozou con esta actividade, salienta a Rodríguez Vivero, ao tempo que engadiu que o traballo realizado no marco esta iniciativa deuse a coñecer a todo o persoal da Facultade de Formación do Profesorado a través da mostra fotográfica ‘Sen Pi non son nada’, con especial presenza de figuras circulares e que permaneceu exposta no vestíbulo do centro.
"A experiencia resultou todo un éxito e cumpríronse os obxectivos, pois so rapaces aprenderon matemáticas razoando e de xeito divertido”, comentan Rodríguez Vivero e Núñez Paños, que salientaron que a experiencia transcendeu das aulas de Formación de Profesorado a través de tres mestras en prácticas que están a completar o Practicum no CEIP As Mercedes de Lugo.
“A proposta tivo moi boa acollida entre os escolares e, aínda que houbo problemas coa presenza de menores nas fotografías, os máis cativos souberon tomar imaxes nas que non se lle vira a cara e nas que se mostraban con obxectos da súa vida cotiá onde aparecía Pi de xeito implícito en obxectos circulares”, relatan.
Satisfeitas co éxito obtido con esta actividade e ilusionadas con repetir e exportar a máis centros educativos accións semellantes o próximo curso co gallo do Día de Pi, Rodríguez Vivero e Núñez Paños entenden xa superado o ensino tradicional das matemáticas. “Todos os que pasaron polas escolas lembran aquela cantinela da lonxitude da circunferencia igual a 2pi r ou a área do círculo igual a pi r cadrado, a pesar de que se confunde con frecuencia unha circunferencia cun círculo”, comentan, para logo engadir que “non queremos reducir o ensino das matemáticas á memorización de fórmulas nin á aplicación sistemática destas en exercicios de libro”.