O Claustro aproba as Liñas Xerais dos Orzamentos para 2024
As liñas xerais dos orzamentos da USC para 2024 permitiranlle á Universidade compostelá o cumprimento da súa función social “e a obriga de facelo dende o principio de boa administración”. As liñas foron aprobadas este xoves 30 no Claustro Universitario ante o que foron presentadas co lema ‘Cumprindo compromisos, pensando no futuro’ e manteñen a premisa dos orzamentos actualmente vixentes de estar desenvolvidas conforme a unha estratexia integral que conecta as partes co todo. O documento, aprobado por 92 votos a favor, 12 en contra e 14 en branco, subliña a fortaleza que supón dispor da estabilidade que achega o Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026, con eixos consensuados por todas as partes e cuns obxectivos de mellora que esixen unha participación activa no seu desenvolvemento.
Conforme estas liñas, o importe total dos orzamento da USC para o vindeiro ano ascenderá a 314,43 millóns de euros, cun incremento respecto ao presente exercicio do 9,22%, superior ao que se produce no Plan Galego de Financiamento. Como explicou o xerente da USC Xavier Ferreira, “un ano máis a Universidade é quen de conseguir máis recursos fóra do Plan de Financiamento, que actúa como garante de certa estabilidade pero que non é suficiente para acometer políticas que melloren a institución”. O xerente destacou que este é o segundo orzamento público máis grande de Galicia despois do da Xunta e apuntou ao esforzo colectivo como peza clave para conseguilo. Xavier Ferreira afirmou que estas son unhas liñas conservadoras en relación aos compromisos, os cales estanse a cumprir case na súa totalidade e subliñou tamén que a descentralización da investigación é un dos retos de futuro para a Universidade xa que a USC é a institución con máis centros de gasto de Galicia. Mellorar a proxección para manter a matrícula, captar estudantes e insistir na internacionalización foron tamén algúns dos retos formulados polo xerente na súa intervención.
O teito de gasto non financeiro queda fixado en preto de 242 millóns de euros. Con todo, este teito non ten en conta a especial singularidade da USC, na medida en que unha parte substancial dos seus ingresos e gastos son afectados, o que se ten en conta nos criterios fixados pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF). De acordo cos devanditos criterios, a cifra máxima de gasto non financeiro ascende a algo máis de 319 millóns de euros. O Claustro aprobou o teito de gasto por 105 votos a favor, 2 en contra e 27 en branco.
As liñas xerais de orzamento presentan unha análise cuxa articulación parte das referencias normativas e do escenario económico actual para desenvolver as súas liñas estratéxicas atendendo a programas específicos para a comunidade universitaria. O lema apunta cara a cumprir cos compromisos acadados en 2022 e 2023 neste novo exercicio no ámbito do persoal, de cara ao alumnado, nas infraestruturas, nos recursos materiais e na investigación. Todo isto, tal e como se desprende do documento aprobado polo Claustro, implica proxectar novas melloras, actualizar e cumprir cos plans para o persoal, facer realidade novas estruturas de investigación máis fortes e competitivas, definir un novo marco de transferencia que converta a USC en referencia para o sector económico e institucional, avanzar nos programas propios de investigación como ferramenta útil e necesaria para consolidar a investigación, descentralizar os procesos nas estruturas de investigación que teñen un nivel de madurez suficiente para a xestión dos seus recursos e avanzar cun Plan de Internacionalización “que nos garanta que a marca USC non se reduce ao territorio que ocupa”, sinala o texto.
Deste xeito, entre os obxectivos formulados pola proposta de liñas xerais atópase a vontade de crear unha USC máis sustentable, sostible e eficiente; con maior proxección social e inserción no tecido social e mesmo na contorna urbana; unha USC “que se proxecta no mundo, con seguridade, con orgullo e con moito potencial”; que sexa un exemplo de boa administración, “cun liderado no ámbito administrativo máis eficiente e eficaz”, con vocación de servizo público; e que forme “persoas con valores, importante para o desenvolvemento da nosa sociedade”, entre os que terán un papel destacado a igualdade, a saúde integral e a atención ás consecuencias do cambio climático.
Propostas
O Claustro tamén tratou propostas relativas ao establecemento de criterios de ordenación da oferta de titulacións, a partir da realidade existente e con vistas ao futuro, para defender a autonomía universitaria; á defensa do Campus de Lugo e as súas titulacións; a garantir persoal administrativo de apoio adecuado; á definición de medidas que revertan o atranco burocrático e axilicen a xestión; así como a posibilidade dunha declaración institucional sobre o conflito que se está a vivir en Gaza.