USC, UDC e UVigo comprométense con Proade, o programa de asesoramento psicolóxico, titorización e orientación de deportistas
As tres universidades públicas galegas establecerán un protocolo dirixido a deportistas estudantes universitarios na comunidade co obxectivo de canalizar as súas necesidades deportivo-académicas mediante o intercambio de información entre distintos organismos e dar visibilidade aos servizos á súa disposición para que poidan conciliar deporte e estudos. Esta será unha das accións a executar no marco do Programa de Axuda ao Deportista (Proade), impulsado pola vicepresidencia primeira e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e que se executará de xeito conxunto con USC, UDC, UVigo, a Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade; e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG). Proade baséase no asesoramento psicolóxico, a titorización e a orientación para deportistas.
O vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane; os reitores da UDC e da UVIgo, Julio Abalde e Manuel Reigosa; e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinaron o compromiso de nacemento de Proade no transcurso dun acto que se desenvolveu no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e no que tamén participaron a presidenta do COPG, Rosa Álvarez; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.
Con estas actuacións, e outras que se poderán ir incorporando no futuro, as entidades participantes esperan seguir coidando –dende un punto de vista humano e poñendo o foco nos e nas deportistas –a saúde do deporte galego e lograr así manter o nivel de excelencia e referencia que se acada ano tras ano. “A saúde dunha sociedade vén determinada dunha forma relevante pola súa cultura deportiva e polo exemplo que profesionais da súa disciplina exercen sobre a poboación. Galicia é un referente en canto a sociedade saudable e activa, sendo de especial importancia a promoción e o seguimento do seu deporte federado”, explican as partes asinantes do compromiso que serve de punto de partida para Proade.
O Programa canalizarase dende a Oficina de Atención ao Deportista para atender as demandas sobre orientación e conciliación laboral e académica ou asistencia psicolóxica. Foron precisamente as respostas máis repetidas nas máis de 700 enquisas que responderon deportistas da comunidade sobre o que máis precisan e que serviu de base para deseñar Proade como unha ferramenta para prestar asesoramento psicolóxico, titorización e orientación no ámbito do deporte de alto nivel.
Así por exemplo, o acordo coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe, tanto para os deportistas de alto rendemento e alto nivel en activo como os que xa finalizaron a súa carreira e queren incorporarse ao mercado laboral, a prestación de información en materia de emprego como bolsas ou axudas á contratación, asesoramento por parte de orientadores e orientadoras do Servizo Público de Emprego, apoio ao autoemprego e a proxectos de emprendemento en colaboración cos polos de emprendemento e a organización de xornadas dirixidas a deportistas sobre políticas activas de emprego.
Por último, a Fundación Deporte Galego financiará a contratación de 250 sesións anuais de atención psicolóxica –un máximo de catro ao ano por deportista de alto nivel– por parte de profesionais do Colexio de Psicoloxía de Galicia que prestarán o servizo de psicoloxía que acrediten as competencias requiridas.
Con anterioridade ao acto de sinatura, tivo lugar unha reunión no Centro Galego de Tecnificación Deportiva con deportistas en activo como Teresa Portela ou Carolina García, integrantes do equipo nacional feminino de K4-500 de piragüismo; a ximnasta Melania Rodríguez; Chano Rodríguez, do equipo paralímpico nacional de natación; ou Gustavo Dacal, explusmarquista español de lanzamento de xavelina que vén de debutar en lanzamento de xavelina adaptada con récord nacional. Tamén asistiron deportistas retirados como Pedro Nimo (exatleta de fondo), Solange Pereira (exatleta de medio fondo e campo a través), Frank Casañas (lanzamento de disco), Elena Roca (rugby) e Lua Piñeiro (taekwondo).