Pasar al contenido principal

Ángel Carracedo, investido doutor ‘honoris causa’ pola UCM

Carracedo foi investido a proposta do departamento de Medicina Legal, Psiquiatría e Patoloxía da Facultade de Medicina da UCM
Carracedo foi investido a proposta do departamento de Medicina Legal, Psiquiatría e Patoloxía da Facultade de Medicina da UCM
O profesor da USC foi investido a proposta do departamento de Medicina Legal, Psiquiatría e Patoloxía da Facultade de Medicina da institución madrileña, actuando como padriño o catedrático Fernando Bandrés
Santiago de Compostela

O catedrático da USC Ángel Carracedo foi investido este venres 1 doutor honoris causa pola Universidade Complutense de Madrid (UCM) nunha cerimonia presidida polo reitor da institución madrileña, Joaquín Goyache, e á que tamén asistiu o reitor da USC, Antonio López. No acto tamén recibiu a mesma distinción o investigador Eng O, catedrático de Neuroloxía e Radioloxía da Facultade de Medicina da Universidade de Harvard e director do Laboratorio sobre Neuroprotección do Hospital Xeral de Massachusetts. Carracedo e Eng O foron recoñecidos pola súas respectivas achegas dentro do campo da Medicina. O profesor da USC foi investido a proposta do departamento de Medicina Legal, Psiquiatría e Patoloxía da Facultade de Medicina da UCM, actuando como padriño o catedrático Fernando Bandrés. 

O profesor e investigador Ángel Carracedo naceu en 1955 e é un dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional. Entre as súas investigacións, pódense citar as que se centran na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica, ámbitos de traballo con especial repercusión na vida e na saúde das persoas. As máis prestixiosas revistas internacionais recollen traballos da súa autoría e asina igualmente un amplo abano de obras ensaísticas e de investigación científica que o sitúan á cabeza da produción intelectual do seu ámbito.

Foi director do Instituto de Medicina Legal da USC, un centro que situou, xunto co seu equipo, na vangarda das novas tecnoloxías de investigación en medicina forense por medio da xenética molecular, unha liña de traballo que continúa a realizarse en laboratorios de prestixio de todo o mundo.

Entre outros cargos, Ángel Carracedo conta na súa traxectoria co de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics. Relevante tamén é o seu papel como formador de novas xeracións de investigadores e investigadoras e, neste sentido, cómpre destacar que dirixiu máis de medio cento de teses de doutoramento que son tamén referencia de investigación no ámbito médico e científico.

O Premio Galicia de Investigación, o Nóvoa Santos, a Medalla Galien ―o máis importante galardón en investigación farmacolóxica―, o premio Rei Xaime, a Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Nacional de Xenética, ademais de distintos doutorados honoris causa de universidades de Europa e América, son algúns dos recoñecementos recibidos ao longo da súa traxectoria. Tamén recolleu o Premio Otero Pedrayo, galardón que distingue o labor de contribución eminente á cultura de figuras que tamén axudaron a promover os valores propios de Galicia.  
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2023.