Outes recoñecerá os dereitos do río Tins
Dar voz á veciñanza e ao tecido asociativo local para que sexan partícipes nas estratexias de conservación e mellora do espazo fluvial é a meta que persegue o Foro do río Tins que se desenvolverá o vindeiro 15 de decembro, ás 17.00 horas, no Centro Social da Serra de Outes. A actividade enmárcase no seo do proxecto ReNatur_Outes no que participa a USC e comezará cunha introdución na que o equipo impulsor fará un repaso dos eixos principais desta iniciativa de renaturalización fluvial. A continuación, terá lugar unha sesión de gobernanza co obxectivo de consensuar coas persoas participantes unha proposta de ‘Declaración de Dereitos do río Tins e compromisos da veciñanza ribeirá’.
No transcurso da sesión tamén se dará conta das achegas realizadas nas semanas previas pola comunidade educativa, colectivos locais e persoas a título individual, unha vez que a proposta de declaración está aberta a comentarios tanto dende a web do proxecto como fisicamente na Casa do Concello. “Esta é a primeira vez que dende un concello se recoñecerán os dereitos dun elemento natural, dotándoo dunha carta no que se recoñecen dende o dereito a non ser contaminado ou danado por actividades humanas ata o dereito á protección e conservación”, apunta dende o proxecto. A proposta de declaración tamén recolle os compromisos da veciñanza das ribeiras do Tins así como das súas institucións, incluíndo os de actuar en caso de calquera violación dos dereitos do río e a participar na súa conservación e mellora.
A Declaración encádrase nas experiencias internacionais de recoñecemento dos dereitos da natureza, estabelecendo dereitos intrínsecos asociados a diversos ecosistemas. Xa son máis de 30 os países nos que se adoptaran instrumentos lexislativos para o seu recoñecemento, en moitos casos referidos a determinados cursos fluviais como o río Whanganui en Nova Zelandia, o río Ganxes na India, o río Buriganga en Bangladesh ou o río Atrato en Colombia. “O Tins será o primeiro río de todo o Estado ao que se lle recoñecen os seus dereitos, logo de que en 2022 se recoñecese a lagoa do Mar Menor como un ecosistema suxeito de dereitos”, engaden.
Liderado polo Concello de Outes, Renatur_Outes conta coa participación de persoal investigador das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia- Norte de Portugal) e o apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.