Pasar al contenido principal

Volven as regueifas de ciencia cun debate sobre a alimentación sa

Laura Sánchez Piñón e Manuel Collado. Foto:Servimav-USC
Laura Sánchez Piñón e Manuel Collado. Foto:Servimav-USC

Promove a industria unha alimentación sa? Con este suxerente tema comeza o vindeiro martes 28 a segunda edición de Regueifas de Ciencia, que o pasado ano reuniu máis de 1.500 persoas nos catro debates que tiveron lugar en Ciencias da Comunicación. Os transxénicos, o cambio de fuso horario, a experimentación animal e mesmo o eterno dilema da compatibilidade entre ciencia e fe foron os temas nos que, entre outros, participaron caras coñecidas como Jorge Mira, JM Mulet, Antonio Martínez Ron, Fernando Savater ou Fernando Sánchez Dragó.

Regueifas de Ciencia é unha iniciativa da USC financiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT, pertencente ao Ministerio de Economía, Industria y Competitividad, que busca a aprendizaxe e o enriquecemento da audiencia a través da organización de debates sobre temas clave para a sociedade.

Un dos aspectos máis interesantes da iniciativa, de entrada libre, é precisamente que os relatores teñen perfís moi variados: científicos, filósofos, escritores, investigadores, divulgadores, xornalistas, docentes... logrando conformar entre todos unha magnífica fonte de información para a audiencia sobre temas que, a priori, poderían non ser sinxelos de comprender e sobre os que pode custar posicionarse. Os organizadores están xa pensando nos vindeiros debates, que poderían versar sobre edición xenética, enerxía nuclear ou eutanasia. O que xa avanzaron esta mañá en rolda de prensa a catedrática da USC e coordinadora da iniciativa, Laura Sánchez Piñón, e o investigador do Idis e membro do comité organizador, Manuel Collado, é que o último será unha edición internacional acerca da investigación sobre o envellecemento.

A industria alimentaria, a debate
O tema que xa está pechado é o da cita do martes 28 ás 20.00 horas acerca da responsabilidade da industria na nosa alimentación e na que, como sempre, intervirán catro profesionais con dúas posturas claramente enfrontadas.

Por unha banda, a profesora da USC e coordinadora da Unidade de Nutrición Pediátrica do CHUS Rosaura Leis Trabazo e o profesor de Bioquímica e director da Unidade de Divulgación Científica da Universidade de Murcia, autor do blog ‘Scientia’ e do libro Vamos a comprar mentiras, José Manuel López Nicolás. Na posición contraria estarán o director de Política Alimentaria, Nutrición e Saúde da Federación Española de Industrias da Alimentación e Bebidas (FIAB), Enrico Frabetti, e o director de Saúde e Nutrición en Coca-Cola Iberia, Rafael Urrialde de Andrés.

Votación electrónica
O estilo destes debates denomínase tipo ‘Oxford’, o que implica que hai dous equipos, un moderador e tempos pautados para cada intervención. Ademais, ao final ábrese unha quenda de preguntas para que o público poida resolver as dúbidas que lle puidesen quedar despois de escoitar os argumentos das partes.

Precisamente relacionada co público, Regueifas de Ciencia incorporou desde o seu inicio unha innovación nos debates da que se extraen curiosas conclusións: antes de comezar a sesión consúltaselle ao público (por votación electrónica) a súa opinión sobre o tema a tratar, algo que se repite ao remate. É entón cando se coñecen os resultados das dúas votacións e se pode advertir así se as intervencións calaron no público asistente.

Todas as Regueifas retransmítense por streaming e quedan gravadas na web do evento e na súa canle de YouTube. De feito, o seu éxito vén dado tamén polas cifras virtuais: máis de 500 persoas seguiron en liña en directo os debates, que tiveron preto de 7.000 visualizacións e máis de 400.000 impactos en redes sociais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.03.2017.