Pasar al contenido principal

O Colexio de Economistas de Lugo e ADE organizan un curso de experto en práctica contable, tributaria e laboral

Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo
Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo
O programa de posgrao estruturado en 160 horas de formación bota a andar este luns, a partir das 19.30 horas, no centro universitario lugués cunha sesión inaugural. O alumnado poderá tamén completar estadías en prácticas durante 150 horas
Lugo

O Colexio de Economistas de Lugo colabora coa Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC na celebración do curso ‘Experto/a en práctica contable, tributaria e laboral’, unha formación homologada pola USC que permite aos seus participantes obter o correspondente título de posgrado, convertendo a este programa no único con este formato e contido impartido no ámbito da USC.

O programa, que está estruturado en 160 horas de formación, bota a andar este luns, a partir das 19.30 horas, no centro universitario lugués, coa celebración dunha sesión inaugural na que participarán o decano da Facultade de ADE, Roberto Bande; o decano do Colexio de Economistas de Lugo, Salustiano Velo Sabín; a delegada da AEAT en Lugo, Elena Rosendo, e o directo do curso, Carlos Figueroa.

A formación incluía neste módulo de especialización supón un impulso para todas aquelas persoas que teñen un coñecemento básico da área contable e fiscal, pero necesitan complementalo cunha formación práctica na que se desenvolve a operativa diaria de traballo. Darase especial atención á aplicación das tecnoloxías de intelixencia de negocio e o dominio da folla de cálculo para a análise e a valoración de empresas.

A realización deste curso, que se desenvolve de xeito presencial, permite aos seus participantes adquirir os coñecementos adecuados para realizar o ciclo contable completo dunha empresa, analizar e aplicar as operacións fiscais máis frecuentes de autónomos e pemes, ademais de iniciarse na elaboración de contratos de traballo, nóminas e seguros sociais.

O curso ‘Experto/a en práctica contable, tributaria e laboral’ constitúe, en definitiva, unha formación que habilita tanto para o traballo en calquera área administración dunha empresa, dunha asesoría ou despacho profesional con orientación fiscal, contable e laboral, como para o traballo por conta propia. Esta formación está dirixida tanto a titulados da área de Economía, (ADE, Ciencias Empresariais, Económicas, ciclos formativos superiores, etc.) como a todos aqueles profesionais que desexan ampliar os seus coñecementos no ámbito fiscal e contable (asesores, emprendedores) ou mesmo estudantes de últimos cursos que desexen especialización concreta.

Unha vez finalizada a formación presencial, o alumnado interesado poderá realizar prácticas en empresas, asesorías e consultoras lucenses durante un total de 150 horas. O profesorado encargado de impartir esta actividade formativa está integrado por profesionais do ámbito da consultoría, profesores do departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC, así como directivos de empresas galegas punteiras e profesionais das distintas administracións públicas (AEAT e ATRIGA). Para a celebración deste curso implicáronse empresas do ámbito galego, tal e como é o caso de Grupo Lence, Cafés Candeas e Dictum Futurae. O seu patrocinio permite que o alumnado se beneficie dun 70% de desconto no importe da matrícula.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.12.2023.