USC, UDC, UVigo e Xunta fortalecen a xestión e a proxección económica do coñecemento científico
Optimizar e incrementar as capacidades en investigación e transferencia de coñecemento é o obxectivo do convenio de colaboración que este martes 12 asinaron as tres universidades públicas galegas coa Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O acordo céntrase no reforzo de persoal de xestión da transferencia e a innovación, así como na consolidación de estruturas de investigación. Tal e como salienta o convenio, “a transferencia de coñecemento é un dos mecanismos polos que o valor creado na universidade a través da investigación retorna á sociedade”. Pola súa contribución ao desenvolvemento e ao crecemento económico, “a transferencia constitúe unha actividade fundamental para a Universidade”.
Todas as partes coinciden en poñer o foco na necesidade de fomentar accións que conduzan ao desenvolvemento dos servizos para a xestión do coñecemento científico e a valorización e proxección económica das actividades e resultados da súa investigación. No caso da USC, o convenio permitirá actuacións en sete áreas de traballo: Xestión de actividades de I+D, Promoción e estratexia científica, Transferencia e emprendemento,
Apoio á internacionalización e captación de talento, Apoio á xestión de programas e centros/institutos de investigación, Infraestruturas científicas e fomento da cultura e a divulgación científica e a Fundación Rof Codina-CEBIOVET.
O documento destaca que “o impulso da actividade investigadora é un obxectivo irrenunciable para calquera sociedade, por iso é necesario fomentar unha maior integración entre as universidades e os sectores produtivos”. Deste xeito, o acordo entre USC, UDC, UVigo e Xunta incide “na cultura de calidade e eficacia na utilización de infraestruturas e do capital humano que permitan unha mellora significativa na totalidade dos sectores produtivos e, á súa vez, a potenciación dunha universidade galega de calidade”. Os reitores Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) asinaron o convenio de colaboración xunto co conselleiro Román Rodríguez.
No ámbito universitario, o persoal de xestión da transferencia e a innovación, constitúe unha panca básica para potenciar os resultados das actividades investigadoras. O obxectivo destas axudas é incentivar a contratación laboral de persoal técnico de apoio en organismos de investigación e a dar soporte no manexo de equipos, instalacións e infraestruturas de I+D+i a fin de incrementar e mellorar as prestacións e rendemento das infraestruturas científico-tecnolóxicas. “Estas unidades deben ser reforzadas para poder cumprir os obxectivos aos que se enfrontan na actualidade”, afirma o texto do acordo.
Especialización intelixente
Este convenio de colaboración enmárcase na Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como no Plan Galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico. Neste senso, a RIS3 busca acadar un ecosistema máis aberto e integrado, facilitando a colaboración e o aliñamento coa especialización de Galicia. O acordo subscrito este martes permitirá, de acordo coa Estratexia de especialización intelixente, “facer máis visible e accesible a oferta de coñecemento e facilitar a transferencia ao conxunto do tecido empresarial”.
Ademais, en liña co establecido no Plan Galego de investigación e innovación 2022-2024, o acordo contribuirá ao fortalecemento das capacidades de oferta de I+D+i para a investigación de excelencia e para a innovación próxima ao mercado nos ámbitos de especialización; e apoiará o persoal investigador dos centros de xeración de coñecemento.
Xestores de I+D+i especializados
No marco do Plan Reforza da Investigación Universitaria, o acordo suporá unha inxección por parte da Xunta ás tres universidades públicas galegas. O devandito Plan establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axuda ás universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.