Pasar al contenido principal

A USC participa no desenvolvemento do proxecto IberoBio

O proxecto foi presentado publicamente esta semana nun acto institucional
O proxecto foi presentado publicamente esta semana nun acto institucional
É unha colaboración internacional con financiamento europeo que confluirá na creación do Polo Ibérico Transfronteirizo de Biotecnoloxía
Santiago de Compostela

A USC participa no desenvolvemento do proxecto IberoBio impulsado pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP). IberoBio está encabezado por Bioga e o seu obxectivo é a creación e fortalecemento do Polo Ibérico Transfronteirizo de Biotecnoloxía, así como facilitar o crecemento e expansión internacional do ecosistema bio-tecnolóxico ao longo da fronteira entre España e Portugal. En conxunto, en IberoBio conflúen 13 entidades de España e Portugal cunha inversión de dous millóns de euros ata 2025, un importante esforzo de investimento no impulsa da tecnoloxía e a investigación no territorio ibérico.

O proxecto foi presentado publicamente esta semana nun acto institucional no que interviñeron o delegado do reitor para Transferencia de coñecemento, Luis Otero; a xerenta de Bioga, Loli Pereiro; o director da Área de Competitividade de Igape, Norberto Penedo; a vogal da Delegación do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Ana Mejías Sacaluga; a concelleira con competencias en Promoción Económica de Santiago, María Rozas; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José Luis Villaverde.

Coa súa xénese no proxecto CTBio, Clúster Transfronteirizo Biotecnolóxico, “IberoBio é un ambicioso proxecto que aposta pola consolidación, o posicionamento e a internacionalización do sector biotecnolóxico ibérico transfronteirizo” destacou o presidente de Bioga, José Manuel López Vilariño. A súa execución desenvolverase ata 2025 coa implicación de institucións universitaria como a USC, organizacións empresariais e centros de investigación de España e Portugal.

O Polo Ibérico Transfronteirizo de Biotecnoloxía ofrecerá servizos baseados no talento, a colaboración, a innovación, o acceso ao financiamento e a promoción. Estará orientado a pemes e emprendedores do territorio ibérico transfronteirizo co obxectivo de crear e consolidar un ecosistema innovador que respalde a mellora competitiva e o potencial de internacionalización.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.12.2023.