Pasar al contenido principal

Ventilatio Lab analizará a aerodinámica e condicións de voo dos vehículos aéreos non tripulados

Mapa de velocidades que afecta a unha determinada traxectoria dun dron nun ambiente urbano
Mapa de velocidades que afecta a unha determinada traxectoria dun dron nun ambiente urbano
A spin-off da USC que foi seleccionada na quinta edición da Business Factory Aero determinará, entre outros aspectos, cando poden transportar cargas este tipo de vehículos
Santiago de Compostela

A spin-off da USC Ventilatio Lab definirá unha contorna de simulación para analizar a aerodinámica e condicións de voo dos vehículos aéreos non tripulados (UAVs). O proxecto é unha das doce novas iniciativas empresariais que formarán parte da quinta edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado no segmento dos vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de Galicia.

Ao abeiro do proxecto ‘Banco de probas virtual para o estudo da aerodinámica de UAVs con aplicación no transporte de cargas e condicións de voo’, Ventilatio Lab creará unha plataforma virtual que permitirá realizar simulacións de voo tendo en conta as condicións meteorolóxicas locais, a orografía do terreo e as condicións de carga e de potencia de cada tipoloxía de UAV. “Deste xeito, este desenvolvemento terá a capacidade de acelerar a toma de decisións do operador e valorar de forma rápida e accesible se unha operación é abordable baixo unhas certas condicións atmosféricas ou de carga ou se se debe pospoñer ou modificar”, explican dende a spin-off.

O proxecto da USC, que foi seleccionado no itinerario de incubación, desenvolverase no marco dunha convocatoria altamente competitiva, na que se recibiron 144 propostas de 26 países, o que consolidou este programa como un reclamo para o emprendemento en todo o mundo.

Base tecnolóxica

Ventilatio Lab, empresa de base tecnolóxica, botou a andar a comezos de 2022 centrándose inicialmente na redución da capacidade de transmisión de patóxenos e contaminantes aéreos no contexto da COVID-19. Deste xeito, desenvolveron unha tecnoloxía propia que, a través do cálculo de dinámica de fluídos, establece as condicións de ventilación óptimas para manter a salubridade do aire. Na actualidade, traballa tamén no cálculo das estratexias óptimas de ventilación para o control dos niveis de radon radioactivo en vivendas e espazos de traballo.

VentilatioLab é froito do traballo dun equipo de investigadores da Facultade de Física da USC. Alberto Pérez Muñuzuri, Alberto Otero Cacho e Jorge Mira Pérez, aos que se une o economista Ramón Tubío Villanueva, son os impulsores da iniciativa. O equipo investigador parte da súa experiencia en física de fluídos e o estudo do seu comportamento en gran diversidade de contextos —incluíndo meteoroloxía e oceanografía—, bagaxe que xa foi aplicada con éxito ás novas necesidades de control de ventilación tras a crise da COVID-19.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.12.2023.