Pasar al contenido principal

As Insignias Fonseca recoñecen o persoal da USC “protagonista da gran transformación da Universidade”

Foto de familia con todas as persoas participantes no acto. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia con todas as persoas participantes no acto. FOTO: Santi Alvite
Un total de 70 persoas pertencentes tanto ao PAS como ao PDI da institución recolleron esta distinción co que a Universidade de Santiago de Compostela rende tributo ao persoal que leva prestado máis de trinta anos de servizo
Lugo, Santiago de Compostela

“Sodes os e as protagonistas da gran transformación da Universidade”. Con estas verbas dirixiuse o reitor Antonio López Díaz ás 70 persoas que este xoves 21 recibiron a Insignia Fonseca coa que a USC recoñece o persoal que leva prestado máis de 30 anos de servizo á institución universitaria. Nun acto que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o reitor destacou que “o patrimonio máis valioso da Universidade son as persoas que a integran”. Neste senso, puxo o foco en como o recoñecemento a quen iniciou a súa traxectoria arredor do ano 1993 supón tamén a posta en valor das persoas que “foron testemuñas e protagonistas do maior cambio da institución na súa historia”.

Alejandra Martínez Maquieira interveu no acto en representación do Persoal de Administración e de Servizos. Martínez Maquieira definiu como “privilexio e orgullo” esta distinción que salienta “a traxectoria de compromiso coa institución”. No seu discurso, lembrou a Compostela do ano 1993 e definiu a súa entrada na Universidade como un “panorama apaixonante”.

Deseguido, o profesor Pablo Ramil pronunciou unhas palabras en nome do profesorado do Campus de Lugo. Ao longo destes trinta anos, subliñou, o Campus de Lugo experimentou “un forte desenvolvemento ata converterse no que é hoxe”. Ramil detívose na distinción do Campus Terra como campus de especialización e destacou que a actividade da USC en Lugo logrou cubrir “un baleiro no eido científico e técnico” nun eido crucial para Galicia como é o ámbito agroalimentario.

A intervención da decana da Facultade de Óptica e Optometría, María Jesús Giráldez, en nome do profesorado con sede en Compostela, completou a quenda de intervencións. A profesora Giráldez referiuse a estas tres décadas como unha etapa de “oportunidades, entusiasmo, cambio e aprendizaxe para avanzar”. A decana detívose nos avances da institución en materia de xénero cara a unha igualdade “xusta e necesaria” e puxo o foco na necesidade de implicarse non só nos ámbitos docente e investigador, senón tamén no ámbito da xestión universitaria.

Acompañaron ao reitor na mesa presidencial, Mª José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización; Pilar Bermejo Barrera, vicerreitora de Política Científica; Ernesto Xosé González Seoane, vicerreitor de Profesorado; e Dulce Mª García Mella, secretaria xeral da USC, encargada de dar lectura á resolución reitoral de concesión da Insignia. O acto contou tamén con interpretacións musicais a cargo de Gonzalo López, Yolanda Sabater e Eva Montoto, pertencentes á Orquestra da USC.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2023.