Pasar al contenido principal

As Denominacións de Orixe Protexidas crean unha imaxe positiva do territorio e xeran beneficios máis alá dos produtos asociados a elas

Queixos da DOP do Cebreiro
Queixos da DOP do Cebreiro
Un estudo da USC comparou o caso do Queixo do Cebreiro co do queixo esloveno Tolminc e concluíu que no caso galego permitiu poñer en valor un produto que case desaparecera e favoreceu mesmo os negocios que non conta co selo de calidade

Un artigo publicado polos investigadores do Departamento de Xeografía da USC Rubén Boga e Valerià Paül, na revista de economía Food Policy analiza a través de técnicas cualitativas a situación de dúas indicacións xeográficas queixeiras declaradas Denominacións de Orixe Protexidas: o queixo do Cebreiro galego e o queixo Tolminc esloveno. Ambas as dúas contan con tan só dous produtores activos. A investigación enmárcase dentro do proxecto H2020 HIGHLANDS.3, financiado pola Unión Europea, destinado ao estudo de iniciativas de desenvolvemento sustentábel en áreas de montaña, e compara a situación de dúas Denominacións de Orixe Protexidas pequenas en termos de produtores inscritos. O estudo demostra que o seu tamaño non ten por que afectar os beneficios que achegan; porén, a súa reducida dimensión pode implicar que as administracións públicas dubiden da pertinencia de apoialas.

Se ben a Unión Europea admite Denominacións de Orixe Protexidas e outras indicacións xeográficas de reducida dimensión e de feito hai ben delas, segundo constataron Boga e Paül non houbo investigacións académicas centradas nestes casos, de xeito que se adoitan tratar de forma agregada coas de maior tamaño. Así, na súa opinión, cumpría investigar especificamente as Denominacións de Orixe Protexidas pequenas para determinar se, a pesar do seu reducido tamaño, poden contribuír ao desenvolvemento rural das áreas nas que se atopan. Tamén cumpría aclarar se acaban por deviren meras proteccións ao servizo duns poucos produtores inscritos nelas, actuando como unha especie de monopolio amparado polas administracións públicas.

A partir da análise dos resultados, os investigadores observaron que emerxen dúas realidades contrastadas. No caso do Cebreiro, a Denominación de Orixe Protexida permitiu recuperar, valorizar e promocionar un queixo que nos anos 1990 estaba preto da súa desaparición. Hoxe, o produto goza dun gran recoñecemento en Galicia, España e mesmo no estranxeiro, de xeito que constitúe un negocio rendíbel para os seus produtores. No caso de Tolminc, en cambio, a obtención da certificación apenas beneficiou a imaxe dunha cooperativa que comercializa o queixo certificado, sen achegar valor engadido en relación cos seus equivalentes convencionais; en paralelo, as pequenas queixarías de montaña alpina nas que se basea a identidade deste produto permanecen á marxe da Denominación de Orixe Protexida.

Rubén Boga e Valerià Paül argumentan que os efectos en termos de desenvolvemento rural das Denominación de Orixe Protexidas non dependen do seu tamaño, senón dos obxectivos cos que se constrúen e do tipo de actores implicados, así como da gobernanza xerada entre eles. Así, a ausencia dun consello regulador (ou figura equivalente) da Denominación de Orixe Protexida no caso esloveno leva a percibir a cooperativa como un actor dominante que monopoliza o uso e promoción do queixo de Tolminc.

Alén dos beneficios que declaran obter os produtores implicados na certificación por formar parte dela, as Denominacións de Orixe Protexidas estudadas contribuíron a xerar unha imaxe positiva para o territorio no que se insiren. No caso do Cebreiro, esa asociación entre queixo e territorio, conectada co paso do Camiño de Santiago, levou á apertura de varios negocios de queixo na contorna, mais estes decidiron permanecer fóra do esquema de calidade por considerar custoso formar parte del. Así, estoutras queixarías benefícianse da imaxe territorial da marca xerada, sen legalmente pertenceren á Denominación de Orixe Protexida.

Implicacións políticas

Rubén Boga e Valerià Paül conclúen que, malia o seu reducido tamaño, as Denominacións de Orixe Protexidas analizadas contribúen ao desenvolvemento rural. Así, a escala pequena dunha Denominación de Orixe Protexida non condiciona a súa efectividade en termos territoriais. Porén, o escaso número de produtores si adoita comportar que as administracións públicas poñan en dúbida a sustentabilidade dos respectivos consellos reguladores  (ou figuras equivalentes) ou a idoneidade de destinar recursos a campañas de publicidade e márketing.

Tal e como se debate no artigo, estes achados contradín as críticas feitas polo Consello de Contas de Galicia á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), institución esta última que se encarga de apoiar os consellos reguladores de reducida dimensión en Galicia. Alén disto, o Consello de Contas pon en dúbida a conveniencia de manter os consellos reguladores pequenos existentes. No entanto, no artigo alértase que a eliminación destas estruturas suporía rachar cos mecanismos de gobernanza que distinguen unha Denominación de Orixe Protexida ou unha Indicación Xeográfica Protexida dunha simple marca en beneficio de empresas particulares, tal e como sucede no caso esloveno.

Queixo Tolminc esloveno
Queixo Tolminc esloveno
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.12.2023.