Pasar al contenido principal

O prazo para optar ao Premio Aresa remata o 12 de xaneiro

O premio quere mellorar a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural. FOTO: Santi Alvite
O premio quere mellorar a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural. FOTO: Santi Alvite
O galardón, dotado con 10.000 euros, incentiva a transferencia de innovación e coñecemento cara ao medio rural

Ata o vindeiro 12 de xaneiro poden presentarse candidaturas para o XXIV Premio Aresa, un galardón creado co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural e que incentiva a transferencia de coñecemento e de innovación desde a institución académica cara aos axentes produtivos do sector primario e que patrocina o grupo empresarial Aresa.

As bases da nova edición deste galardón, que contempla unha dotación económica de 10.000 euros e placa conmemorativa para a candidatura gañadora, xa están accesibles en liña na web do premio e o prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 12 de xaneiro de 2024 nos rexistros da USC.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o Premio Aresa é unha convocatoria aberta á presentación dun amplo abano de propostas, entre as que teñen cabida iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.

O xurado que procederá a avaliar as candidaturas que concorran a esta nova edición estará composto polo reitor da USC, Antonio López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López; a catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC no Campus Terra, Ángeles Romero, así como coa conselleira delegada e directora de márketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal.
 

O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta no proceso de avaliación de candidaturas aspectos ligados co seu carácter innovador, a creación de valor engadido e emprego no medio rural, a súa viabilidade económica, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e, entre outros parámetros, o potencial de desenvolvemento de novos produtos, relatou a vicepresidenta de Aresa.

Palmarés de premios

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.12.2023.