Pasar al contenido principal

Un estudo asenta as bases para o control das especies exóticas invasoras nos ecosistemas

O estudo identifica os factores chave que axudan ao asentamento de invasoras logo do lume. FOTO: Santi Alvite
O estudo identifica os factores chave que axudan ao asentamento de invasoras logo do lume. FOTO: Santi Alvite
A investigación desenvolvida por Sheila F. Riveiro pon o foco en como os incendios forestais facilitan o desprazamento das especies nativas nos montes de Galicia e Portugal
Santiago de Compostela

O lume é unha perturbación natural dos ecosistemas que actúa como modelador da paisaxe. O réxime de incendios actual —é dicir, a súa frecuencia, extensión ou tipoloxía, entre outros aspectos— estase a ver alterado pola mudanza climática. Agora, unha investigación da USC  pon o foco en como os réximes naturais alterados “poden provocar cambios drásticos nestes ecosistemas”.  Así o afirma Sheila F. Riveiro na súa tese de doutoramento titulada ‘Bases ecolóxicas para o control de especies exóticas invasoras en relación co lume’. Tal e como apunta a autora, un dos efectos potenciais desas mudanzas consiste en facilitar a entrada de especies exóticas invasoras nos ecosistemas. O estudo de Sheila F. Riveiro afonda na relación destas dúas perturbacións no caso dos montes da Galicia e Portugal.

Grazas a estudos de xerminación diferencial en función de diversos factores relacionados cos incendios, tanto para especies invasoras como nativas, identificáronse os factores chave que axudan ao asentamento de invasoras logo do lume, así como os compostos aleloquímicos que poderían condicionar a competencia e desprazamento que estas exóticas provocan sobre as nativas. “A orixe das especies, sexa nativa ou invasora, condiciona a súa resposta ao lume”, explica Riveiro nas súas conclusións.

Unha vez descrito no laboratorio o comportamento invasor destas especies e achado o método polo cal adquiren unha vantaxe competitiva sobre as nativas, a investigadora pertencente ao grupo de referencia competitiva Biodiversidade e Botánica Aplicada (BIOAPLIC), propón a través dun estudo de campo métodos de control para as principais invasoras de Galicia e Portugal, como as acacias, o eucalipto ou a albicia. Os métodos avaliados adáptanse ao contexto de lumes de Galicia e ás características das especies estudadas, salientando a necesidade de métodos de control a longo prazo que teñan como fin último a eliminación do banco de sementes das especies co fin de evitar a súa rexeneración.

A tese, dirixida pola profesora da Facultade de Bioloxía Otilia Reyes, contou co financiamento do Programa de axudas á etapa predourotal e encadrouse nos proxectos FIRESEVES e Fogo e Invasoras. O tribunal estivo composto por Luz Valbuena da Universidade de León, Jonatan Rodríguez-Parra da USC e Aline Oliveira, do Instituto Politécnico de Coimbra. O traballo recibiu a cualificación de sobresaínte cum laude.

A doutoranda xunto ao tribunal na sesión de lectura da tese
A doutoranda xunto ao tribunal na sesión de lectura da tese
Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.01.2024.