Pasar al contenido principal

Ciencias da Comunicación e a Unidade de Atención Psicolóxica da USC suman forzas a prol da saúde mental

O primeiro vídeo contén unha serie de recomendacións para afrontar os exames. FOTO: Santi Alvite
O primeiro vídeo contén unha serie de recomendacións para afrontar os exames. FOTO: Santi Alvite
Unha serie de vídeos que se difundirán a través da rede social Instagram inclúen consellos para facer fronte aos exames de xeito saudable
Santiago de Compostela

Este luns 8 de xaneiro publícase o primeiro dunha serie de catro vídeos da iniciativa #EspecialExames, froito dunha colaboración entre a Unidade de Atención Psicolóxica da USC e a Facultade de Ciencias da Comunicación. Estes vídeos inclúen consellos, de especial interese entre o alumnado, para que a saúde non se resinta á hora de preparar as devanditas probas. As pezas condúcenas Sara Purcell e Pilar Bárcena, psicólogas xerais sanitarias da Unidade de Atención Psicolóxica da USC.

O primeiro vídeo contén unha serie de recomendacións para afrontar os exames. A primeira desas pautas resalta a importancia de seguir acotío unhas rutinas para durmir, comer ou estudar, porque achegan estabilidade mental. Así mesmo, lémbrase que é esencial coidar especialmente a alimentación e o sono, porque achegan a enerxía que se precisa á hora de pasar horas examinándose. ​Realizar exercicio físico con certa frecuencia é outra das claves, xunto coa recomendación de manter algunha actividade de lecer que produza satisfacción e que axude a desconectar polo tempo necesario da realidade dos exames.

O vídeo deste luns vai ser seguido por outras tres pezas audiovisuais que se publicarán en luns consecutivos. A do luns día 15 referirase á importancia de non caer na trampa das profecías autocumpridas á hora de pensar nos vindeiros exames. A do día 22 lembra como “cargar as baterías” para afrontar con garantías estes períodos e a do día 29 achega consellos para revisar todo o que se puido facer mal durante a etapa de probas unha vez estas rematan, para mellorar de cara ao futuro. Todas estas pezas poderanse consultar nos muros de Instagram da Unidade de Atención Psicolóxica da USC e da Facultade de Ciencias da Comunicación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.01.2024.