Atlantic Sunset integrará os solpores atlánticos no trazado dun modelo turístico alternativo e sustentable
“Os bordes continentais son os centros doutros mundos”. Así define o catedrático da USC Rubén Lois a esencia de Atlantic Sunset, proxecto de investigación que dá os seus primeiros pasos na procura do aproveitamento da beleza que emana dos atardeceres atlánticos pero tamén da identificación e posta en valor dos recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial. Un equipo integrado por físicos e xeógrafos pretende, a través dun consorcio internacional integrado por sete entidades de catro países, “involucrar os finis terrae europeos” arredor do intre do crepúsculo, tal e como explica Jorge Mira, catedrático da USC e tamén coordinador do proxecto xunto aos profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Rubén Lois e Ángel Miramontes.
O solpor é, en palabras de Jorge Mira, “unha marca de identidade do territorio xa que cicela a personalidade das zonas que teñen ese espazo xeográfico en común”. Partindo desta premisa, o proxecto que desenvolveu este martes 9 a súa xuntanza de lanzamento promoverá a contemplación do solpor como unha forma de turismo única, sustentable e integradora do Espazo Atlántico. O consorcio liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) e coordinado por profesorado da USC, obtivo máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027.
Tal e como lembrou no acto de presentación do proxecto a vicerreitora de e Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso, “esta foi unha das cinco propostas para as que a USC recibiu financiamento ao abeiro desta convocatoria”. Ademais de María José López Couso e dos tres coordinadores do proxecto, tamén interviñeron na sesión de presentación a vicedecana María José Piñeira Mantiñán e Tania Afonso, da Secretaría Conxunta do Programa Espazo Atlántico. A xuntanza na que tamén intervén o reitor da USC Antonio López constitúe a reunión técnica de arranque do proxecto onde se aborda a planificación das actividades para desenvolver nos próximos meses e establecer os períodos de execución correspondentes.
Sol e desenvolvemento
O proxecto, baseado na experiencia de diferentes grupos de investigación europeos de referencia no campo da física e a xeografía, contará con diversas actividades enfocadas a identificar algúns dos mellores lugares para ver atardeceres, realizará estudos en colaboración con comunidades locais, axentes turísticos e outros axentes de desenvolvemento, e trazará un plan turístico. O proxecto poñerá en valor a costa atlántica de Europa Occidental como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, considerando a complementariedade temporal e espacial, así como a inclusión e innovación sociais.
Orixe
A base do proxecto foi un estudo científico que Jorge Mira realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Grazas ao seu traballo, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais. Así, no marco de Atlantic Sunset vincularase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués, alén de “afinar lugares noutras xeografías onde acontece tan particular evento”, engaden dende o proxecto. “Isto só sucede en certas localizacións extremas do continente e das illas e cunha estacionalidade moi determinada, converténdoo nun espectáculo que cada ano atrae a máis e máis turistas chamados pola crecente demanda de astroturismo, co compoñente intrínseco de sustentabilidade que esta modalidade implica”, aseguran.
O Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 é un programa de financiamento europeo que promove a cooperación transnacional na parte occidental do océano Atlántico e inclúe todas as rexións de Irlanda e Portugal, así como varias rexións francesas e españolas. A misión do Programa é estar á vangarda da transición cara a unha Rexión Atlántica única, neutra en carbono e resistente ao cambio climático e resiliente ao clima. O Programa fomenta a integración do desenvolvemento económico sostible, o benestar da sociedade e a preservación da biodiversidade.