Pasar al contenido principal
  • Investigar

Un estudo da USC pon as bases para clonar castiñeiros máis produtivos e máis resistentes a enfermidades

Un dos experimentos con castiñeiros. FOTO: Ricardo Castro
Un dos experimentos con castiñeiros. FOTO: Ricardo Castro
Experimentos de secuenciación masiva do ARN permitiron coñecer as bases xenéticas que inducen ou reprimen a formación de raíces e o modo no que actúan as hormonas que facilitan o enraizamento

O cultivo in vitro permite a clonación de árbores seleccionadas que presenten un trazo desexado, como a resistencia ante un patóxeno determinado ou unha alta produtividade de madeira ou froito. Porén, estas características só se observan cando a árbore xa é adulta, momento no que son incapaces de desenvolver raíces, o que impide que as árbores clonadas no laboratorio poidan ser plantadas no campo. Unha tese desenvolvida na USC por Ricardo Castro Camba trata de comprender os mecanismos hormonais e xenéticos que producen esta perda da capacidade para o enraizamento para deste xeito lograr a clonación de castiñeiros máis resistentes e produtivos.

Por medio de dúas liñas in vitro, unha xuvenil e outra adulta, derivadas dun mesmo castiñeiro e a través de experimentos de enraizamento con fitohormonas identificáronse os principais factores hormonais que afectan o enraizamento das plantas xuvenís e adultas. “Grazas a isto poderemos deseñar protocolos para o enraizamento de castiñeiro, polo que daremos clonado árbores resistentes a enfermidades e máis produtivas, o que se traduciría en importantes beneficios económicos e ecolóxicos”, explica Ricardo Castro.

Unha vez obtidos os datos dos enraizamentos realizáronse experimentos de secuenciación masiva do ARN. Isto permite coñecer cales son as bases xenéticas que inducen ou reprimen a formación de raíces, o modo no que actúan as hormonas e se relacionan entre elas e, ademais, tamén axuda a entender como as mesmas hormonas actúan de xeito diferente na mesma árbore en función de se esta xa madurou ou aínda non.

A tese, titulada ‘Mecanismos reguladores da competencia para a rexeneración de raíces adventicias en especies leñosas’ foi dirixida polos doutores Conchi Sánchez e Jesús Vielba da Misión Biolóxica de Galicia – CSIC e titorizada por Andrés Baselga, da Universidade de Santiago de Compostela, e contou co financiamento dos proxectos ‘Enraizamento adventicio en material adulto de fagáceas. Mecanismos epixenéticos’ e ‘Conservación e mellora de sistemas agroforestais’. O tribunal avaliador da tese estivo composto por Jorge Canhoto, da Universidade de Coímbra: María Victoria González, da Universidade de Santiago de Compostela; e Beatriz Cuenca, da empresa de transformación agraria Tragsa. O traballo, defendido na Facultade de Bioloxía, recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude.

Defensa da tese de Ricardo Castro
Defensa da tese de Ricardo Castro
Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.01.2024.