Pasar al contenido principal

Emigración convoca 250 bolsas para a mocidade galega residente no exterior que queira cursar mestrados na comunidade

As bolsas BEME buscan que as mozas e mozos que as obteñan poidan completar a súa formación universitaria en Galicia. FOTO: Santi Alvite
As bolsas BEME buscan que as mozas e mozos que as obteñan poidan completar a súa formación universitaria en Galicia. FOTO: Santi Alvite
As axudas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención con importes de entre 8.000 e 12.500 euros, en función da duración dos cursos e do continente de procedencia da persoa beneficiaria

A Secretaría Xeral da Emigración convocou 250 Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster), co obxectivo de que as mozas e mozos que as obteñan poidan completar a súa formación universitaria, o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia. Ademais do apoio financeiro, as persoas beneficiarias das bolsas contarán cunha orientación laboral personalizada, coa que se pretende facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade, polo que a oferta de mestrados se centra en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

As persoas beneficiarias da iniciativa deben ser galegas e galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade e menores de 40 anos, ter a nacionalidade española, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior, posuír algún título de grao e estar matriculadas nalgún dos mestrados das universidades galegas ofertados na convocatoria. As bolsas, con importes de entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo de se a persoa beneficiaria procede dun país de Europa ou do resto do mundo, cobren un curso completo dun mínimo de 60 créditos ECTS, e destínanse a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial.

As persoas interesadas teñen ata o próximo 30 de abril para presentar a súa solicitude. Toda a información pode consultarse na web informativa sobre as bolsas BEME da Secretaría Xeral da Emigración. A listaxe de mestrados nos que se poden matricular as persoas interesadas está tamén dispoñible en liña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.01.2024.