Pasar al contenido principal

“A neutralidade carbónica pasa por reducir emisións en sectores como o transporte ou a enerxía”, di César Pérez

César Pérez Cruzado, nas inmediacións da EPS de Enxeñaría da USC
César Pérez Cruzado, nas inmediacións da EPS de Enxeñaría da USC
O investigador ‘Ramón y Cajal’ na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC e impulsor de novas liñas de traballo sobre monitorización forestal e proxectos de carbono ao abeiro do grupo PROePLA colabora coa FAO e co Panel Intergobernamental do Cambio Climático de Nacións Unidas en accións a gran escala sobre redución de emisións de carbono en bosques e no deseño de metodoloxías para a cuantificación de carbono
Lugo

“A neutralidade carbónica pasa pola redución de emisións en sectores netamente contaminantes como poden ser o transporte ou a enerxía”, afirma o investigador ‘Ramón y Cajal’ na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra César Pérez Cruzado, cuxa incorporación ao grupo PROePLA permitiu impulsar novas liñas de traballo e de I+D sobre monitorización forestal e proxectos de carbono, ámbitos nos que colabora coa FAO e co Panel Intergobernamental do Cambio Climático de Nacións Unidas no desenvolvemento de proxectos a gran escala sobre redución de emisións de carbono en bosques e no deseño e establecemento de metodoloxías para a cuantificación de carbono e para inventarios de gases de efecto invernadoiro.

As emisións mundiais anuais de carbono derivadas do consumo de combustibles fósiles son da orde de 4.5 Gigatoneladas de C ao ano (GTmC/ano), mentres que a capacidade fotosintética anual de captura de carbono sería de 110 GTmC/ano, ao que habería que descontar a respiración dos seres vivos, a descomposición da materia orgánica dos solos e a deforestación e degradación forestal, entre outros factores, sinala este doutor en Enxeñaría de Montes formado na sede universitaria luguesa, que cifra en 6 GTmC o balance negativo anual de emisións de carbono.  

Fronte a esta situación, Pérez Cruzado salienta o potencial que representan os bosques no ciclo de carbono e fai fincapé na importancia da xestión que se fai sobre as masas forestais e dos produtos que delas se obteñen, dado que ambos factores determinan o tempo que permanece retido o carbono. Aínda así, lonxe de caer nun optimismo irreal, este investigador, incorporado en 2020 ao departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC tras ampliar a súa formación de posgrao con diversas estadías no ICIFOR-INIA do CSIC, en Madrid, e na Universidade de Göttingen, en Alemaña, recoñece que na actualidade a única opción de avanzar cara a neutralidade carbónica pasa por reducir emisións.

Asemade, engade, os procesos artificiais de captura de carbono teñen bastantes incertezas polo momento, como son o elevado consumo de enerxía que presentan, a escasa capacidade para actuar sobre as reservas de carbono atmosféricas, ou as interaccións que puidesen darse entre a forma química na que se almacene o carbono e os sistemas naturais.

Alén de sinalar esta urxencia, este investigador ‘Ramón y Cajal’ do Campus Terra da USC apunta tamén as vantaxes que poden ofrecer os cambios que se están a experimentar a nivel mundial no ámbito da monitorización ambiental, un campo tradicionalmente inmobilista, pero que nos últimos anos se está a renovar para atender a crecente demanda de información que está a pedir a sociedade.

Esta nova realidade, engade César Pérez Cruzado, tamén se reflexa nos cambios de importante calado promovidos pola UE nos distintos inventarios forestais nacionais e, doutra banda, tamén se ve favorecida polos avances científicos e tecnolóxicos experimentados no ámbito da monitorización forestal. Estes sistemas ou ferramentas tecnolóxicas antóllanse como elementos chave, máis aínda por mor da súa necesidade perentoria para acceder aos mercados de carbono.

Respecto do futuro, Pérez Cruzado entende que os retos inmediatos da Enxeñaría Forestal pasan por mellorar a cualificación profesional e tecnolóxica de todas as persoas que traballan nun sector no que, no contexto europeo, a elevada demanda de enxeñeiros e enxeñeiras supera con creces as persoas que rematan a formación universitaria. Outra necesidade advertida por Pérez Cruzado atinxe á necesidade de adaptar os contidos das titulacións universitarias aos avances tecnolóxicos. Estes cambios son moi necesarios, debido a que son os perfís máis tecnificados os que presentan unha maior demanda.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2024.