O Consello de Goberno aproba os límites de prazas en graos e dobres títulos para 2017-2018
O Consello de Goberno aprobou este venres 3 os límites de prazas para o curso 2017-2018 nas súas titulacións de grao. Con respecto a este curso, reducirán a súa oferta os graos en Bioloxía (pasa a 119 prazas), Pedagoxía (68), Educación Social (68), Mestre en Educación Infantil (59), Mestre en Educación Primaria (110), Farmacia (195), Medicina (350), Óptica e Optometría (55), Química (100) e Historia da Arte (95). En Lugo, reducen oferta os graos en Administración e Dirección de Empresas (90), Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais (45), Relacións Laborais e Recursos Humanos (57) e Enxeñaría Civil (40), á vez que aumentan as prazas da modalidade semipresencial do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultura (ata 30).
No que se refire aos dobres títulos, a USC ofertará o vindeiro ano en Santiago 20 prazas nos de Bioloxía e Química, Dereito e Relacións Laborais e no de Mestre en Educación Infantil e en Educación Primaria; e 10 prazas nos dobres graos de Xornalismo e Comunicación Audiovisual; Física e Química; Enxeñaría Informática e Matemáticas; Matemáticas e Física; e no de Farmacia e Óptica e Optometría. En Lugo, a oferta é de 10 prazas para Mestre en Educación Infantil e Primaria; en Enxeñaría Civil e Enxeñaría Xeomática; e en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria e Enxeñaría Forestal; e en Enxeñaría Civil e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais.
Acordo para proceso de admisión
O órgano de goberno universitario deu tamén o seu visto bo ao Acordo das universidades públicas galegas sobre os procedementos de admisión aos estudos oficiais de grao en 2017-2018. Así, a Comisión Interuniversitario Galega (CIUG) será quen estableza os procedementos de admisión, o seu contido, regras de funcionamento, datas de realización, criterios de valoración e a súa ponderación e baremos, así como as regras para establecer a orde de prelación na adxudicación de prazas nos graos universitarios.
Honoris causa
Logo do acordo do Consello de Goberno, a USC investirá como doutores honoris causa ao físico Mikhail Alexandro Vichbraun, profesor da Universidade de San Petesburgo; a Tomás Salvador Vives Antón, catedrático emérito de Dereito Penal da Universidade de Valencia; e a Carlos Ulises Moulines, catedrático de Filosofía, Lóxica e Teoría da Ciencia na Universidade de Munich.
Por outra banda, o Consello aprobou o cambio de denominación da EPS de Lugo que pasará a chamarse Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.