Pasar al contenido principal

A USC expide por primeira vez a etiqueta que valida o recoñecemento das titulacións Erasmus Mundus obtidas no estranxeiro

Este mestrado interdisciplinario en lexicografía obtivo en 2023, por terceira vez na súa historia, o selo Erasmus Mundus que outorga a axencia europea no ámbito educativo e cultural. FOTO: Santi Alvite
Este mestrado interdisciplinario en lexicografía obtivo en 2023, por terceira vez na súa historia, o selo Erasmus Mundus que outorga a axencia europea no ámbito educativo e cultural. FOTO: Santi Alvite
O alumno Iván Arias Arias que rematou o Mestrado Universitario Erasmus Mundus en Lexicografía na Universidade do Minho recolleu este luns 15 o distintivo que lle dá status legal a este título en España
Santiago de Compostela

A USC acaba de converterse na primeira universidade galega en desenvolver o procedemento para a expedición da etiqueta Erasmus coa que se outorga efectos legais en España a titulacións interuniversitarias recoñecidas co selo de calidade Erasmus Mundus aínda que estas fosen obtidas no estranxeiro. Deste xeito, o alumno Iván Arias Arias recibiu este luns 15 a etiqueta Erasmus do título do Mestrado Universitario Erasmus Mundus en Lexicografía, logo de obter a titulación na Universidade do Minho (Portugal). Este mestrado interdisciplinario en lexicografía obtivo en 2023, por terceira vez na súa historia, o selo Erasmus Mundus que outorga a axencia europea no ámbito educativo e cultural (European Education and Culture Executive Agency).  

Lexicografía, humanidades dixitais, tecnoloxías da linguaxe, procesamento da linguaxe natural e intelixencia artificial, son os eidos sobre os que pon o foco o mestrado Erasmus Mundus en Lexicografía da USC (EMLex), “todos eles orientados ás necesidades dunha sociedade dixital e global en constante cambio”, explica a coordinadora da titulación, María José Domínguez. Na actualidade, a USC é a institución coordinadora dun consorcio internacional integrado pola Károli Gáspár Református Egyetem (Hungría), Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña), Ilia State University (Xeorxia), Université de Lorraine (Francia), Universidade do Minho (Portugal), Università degli Studi Roma Tre (Italia) e a Stiftung Universität Hildesheim (Alemaña). A estas oito universidades súmanse outras oito entidades asociadas.

As características distintivas deste mestrado son “a súa orientación internacional, a interacción entre a teoría e a práctica, a promoción do multilingüismo (as linguas de ensino son o alemán e o inglés xunto coa adquisición doutras linguas europeas), os enfoques innovadores do ensino e a aprendizaxe, así como un amplo plan de mobilidade e unha estreita conexión cos sectores privado e social”, explica a profesora Domínguez, quen lembra que a renovación do selo estenderase ata 2030.

Para a coordinadora, “este mestrado dota o estudantado dunha formación ao máis alto nivel facilitando a súa integración nun mercado laboral global. Isto é de especial relevancia ao non existir unha vía específica para a formación lexicográfica na maioría dos países que integran o consorcio de universidades que organizan o mestrado”. Así mesmo, forma a especialistas multilingües que son capaces de deseñar novas ferramentas e recursos dixitais para o estudo e análise do léxico e as súas aplicacións. Á súa vez, o alumnado adquire coñecementos en programación, análise estatística e desenvolvemento de recursos dixitais atendendo ás novas tendencias en visualización de información en liña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2024.