Pasar al contenido principal

Unha xornada recolle en Filoloxía experiencias e programas claves para a transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas

O reitor durante a súa intervención no acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
O reitor durante a súa intervención no acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
A sesión impulsada pola AVTE centrouse no estímulo dos procesos de valorización do coñecemento e na súa translación á sociedade

A xornada 'Transferencia de coñecemento. Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. Experiencias e programas de dinamización' que se desenvolveu este luns 15 na Facultade de Filoloxía da USC serviu, en palabras do reitor Antonio López, para evidenciar que nesta área de coñecemento “tamén hai transferencia con moito valor e transcendencia para a sociedade”. Antonio López inaugurou esta sesión organizada pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e coa que se pretende estimular os procesos de transferencia de coñecemento á sociedade a través de accións que faciliten a implicación doutros axentes sociais e económicos no uso e rendibilización dese coñecemento.

No acto inaugural tamén interviñeron o decano de Filoloxía, Elias J. Feijó Torres; o delegado do reitor para a Transferencia, Luis Otero; e a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana. O profesor Feijó destacou que a transferencia “é un elemento que debe ser central  na oferta académica”. O decano explicou como esta xornada é clave para acceder a “experiencias ricas e plurais para obter ideas” no eido da valorización e da transferencia. Pola súa parte, Luis Otero percorreu as diferentes iniciativas que neste ámbito se están a desenvolver na USC e asentou os “vimbios para acometer programas novos”. Finalmente, María Jesús Lorenzana subliñou a interlocución entre a universidade e a administración como pezas cruciais neste ámbito fundamental para poñer “o talento ao servizo da sociedade”.

A investigación en Ciencias Sociais, Humanas Xurídicas e Artísticas é, tal e como apuntan dende a organización da xornada, “xeradora de coñecemento con potencial de cambio social e desenvolvemento económico”. Baixo esta premisa, a sesión contou coa  presenza de relatores das universidades de Oxford, Carlos III de Madrid, Oberta de Catalunya, València e Santiago de Compostela, que presentaron distintos programas para a fomento da transferencia en diferentes áreas de coñecemento, así como experiencias de transferencia e implementación de coñecemento universitario con impacto social e económico. Tamén se desenvolveu un relatorio sobre 'Valoración social dos coñecementos en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. Evidencias do Sexenio de Transferencia'. O evento rematou cunha sesión de intercambio e networking entre as persoas asistentes.

 

Asistentes á xornada. FOTO: Santi Alvite
Asistentes á xornada. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.01.2024.