Pasar al contenido principal

Helena nunca estivo en Troia: un estudo analiza a traxedia de Eurípides que dá unha versión alternativa á de Homero

Helena e Paris representados nunha crátera de figuras vermellas datada entre os anos 380-370 a.C. que conserva o Museo do Louvre en París. FOTO: Wikipedia
Helena e Paris representados nunha crátera de figuras vermellas datada entre os anos 380-370 a.C. que conserva o Museo do Louvre en París. FOTO: Wikipedia
A doutora Francisca Gómez Seijo reelabora a súa tese no ensaio ‘Rescatando a Helena’, figura que é presentada nos poemas épicos ‘Ilíada’ e ‘Odisea’ como a culpable da guerra entre gregos e troianos

No 412 a.C., oito anos antes de que rematara a Guerra do Peloponeso entre Esparta e Atenas, representábase nesta última cidade a traxedia Helena do dramaturgo grego Eurípides, unha das 18 que chegou ata nós de case un cento de obras que se lle atribúen. O argumento ofrece unha versión alternativa á dos poemas épicos Ilíada e Odisea atribuídos a Homero, segundo a cal o rapto da esposa do rei espartano Menelao, Helena, polo príncipe troiano Paris foi a orixe da Guerra de Troia. O texto de Eurípides, que agora analiza a doutora Gómez Seijo no ensaio Rescatando a Helena, conta que esta foi levada a Exipto polo mensaxeiro dos deuses, Hermes, e que a que levou Paris era en realidade unha pantasma, unha imaxe feita de aire creada por Hera, en vinganza polo episodio do xuízo no que o príncipe troiano escolle a Afrodita fronte a ela.

A versión da pantasma, explica a investigadora, xa estaba presente na obra do poeta grego Estesícoro (630 a.C-555 a.C.), e a obra de Eurípides fora analizada ata o de agora cun enfoque filosófico, por presentar a dicotomía entre aparencia e realidade, amosando o difícil que é distinguir o que parece real do que o é. O ensaio, que publica a editorial alemá De Gruyter, estuda a representación dramática e as emocións que puido provocar nun auditorio maiormente iletrado composto tanto por atenienses como por foráneos e que quizais soamente vería unha traxedia teatral unha vez na súa vida.

Francisca Gómez Seijo, colaboradora do Grupo de Investigación Estudos Clásicos e Medievais da USC e profesora de Latín e Grego no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, sinala que a de Eurípides era unha obra pacifista que se estrea no Teatro de Dioniso ateniense cando aínda non rematara a Guerra do Peloponeso e que suporía unha auténtica “experiencia emocional” para as persoas que a viran, converténdoa nunha das obras máis exitosas de Eurípides, quen foi autor doutras como Hipólito, Medea ou Andrómaca.

Segundo o texto do dramaturgo, Helena, “que era considerada a muller máis bela do mundo”, nunca amou a Paris nin fuxiu voluntariamente con el. En realidade, a guerra de Troia librouse por unha pantasma coa mesma aparencia física que a Helena real, que estaba retida en Exipto por vontade de Zeus. Cando Menelao retorna a Esparta tras a guerra de Troia coa que cre é a súa esposa, o seu barco naufraga en Exipto e el adéntrase en terra e no camiño atopa a Helena real; ela recoñéceo pero el négase a crer que sexa a súa esposa, ata que chega desde a costa un escravo mensaxeiro que lle conta que a Helena do barco era unha pantasma que se despediu dos mariñeiros e que se esvaeceu no aire, co cal Menelao finalmente comprende todo o sucedido.

Fronte ás análises filosóficas da traxedia realizadas anteriormente, no ensaio Rescatando a Helena. Caracterización de Helena na traxedia homónima de Eurípides, a doutora Gómez Seijo analiza os recursos dramáticos empregados polo poeta, do que salienta que “acada o máximo potencial de conflito do personaxe”, logrando que as palabras e accións de Helena conmoveran o público orixinal da obra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.01.2024.