IdeaLugo recoñece o talento emprendedor do Campus Terra
O certame de innovación IdeaLugo, convocado por El Progreso xunto coa USC e Abanca distingue na súa novena edición a proposta de App para controlar a obesidade en mascotas, unha iniciativa proposta polos estudantes do grao en Veterinaria no Campus Terra da USC David Pérez e Héctor Campos, xunto coa colaboración do tamén estudante de Informática na Universidade de Alacante Antonio Gómez.
A candidatura presentada baixo o nome de Good Weight (buen peso) por estudantes procedentes de Burgos e Alancante constata a capacidade do Campus Terra da USC para atraer alumnado e talento mozo procedente doutras comunidades autónomas, segundo se puxo de manifesto na sesión de entrega deste galardón, un acto no que tomou parte o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; así como a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a directora territorial de Abanca, Zaida Dapena; o presidente da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, Luis García Santalla, ademais da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, e representantes do Concello de Lugo.
A proposta innovadora galardoada na última convocatoria de IdeaLugo constitúe, segundo os seus autores, unha aplicación informática que permite aos coidadores de mascotas determinar de xeito preciso a dieta dos seus animais cun aplicativo que relaciona a información da composición do penso animal coas características dos cans. Este dispositivo permitiría, enganden Héctor Campos e David Pérez, evitar problemas de obesidade nos animais e reducir o volume de desperdicios alimentarios.
O xurado encargado de fallar a novena edición dos premios IdeaLugo acordou tamén outorgar un accésit, que inclúe unha gratificación económica de 1.000 euros, á candidatura XuvenLab, unha nova spin off xurdida no Campus de Lugo a iniciativa do grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC e da que forman parte como socios profesores e investigadores da sede universitaria luguesa e unha docente de ensino medio.
A CEO de XuvenLab, a enxeñeira técnica forestal Helga Peral, explicou que o obxecto desta nova spin off da USC é transferir coñecemento desde a USC á sociedade a través da comercialización dos kits educativos desenvolvidos por XuvenCiencia (Photonics Explorer, Animal CSI, Vitroplant, AquaLab, RescueMe, DNAMeat e Fotometrix), dispositivos que permiten experimentos sobre a luz e a súa tecnoloxía, actividades no eido da patoloxía veterinaria, cultivo in vitro de árbores, investigación coa auga, a súa xestión e consumo responsable, ensaios de trazabilidade animal e análises fotométricas do contido de proteínas no leite.
Helga Peral explicou asemade que, alén da comercialización, o desenvolvemento de novos kits educativos e a mellora dos xa existentes, XuvenLab bota a andar co obxecto de servir de canle de formación científica e tecnolóxica ao profesorado de ensino secundario, ademais de tomar parte e promover novos eventos de divulgación científica.