Pasar al contenido principal

Dereito celebra o seu patrón lembrando a convivencia acadada co pacto constitucional de 1978

O presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido Tourón, pronuncia a súa lección maxistral. Na mesa, desde a esquerda, o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Suanzes, o reitor Antonio López, a decana Ana María Gude e a secretaria da Facultade, Natalia Pérez. FOTO: Santi Alvite
O presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido Tourón, pronuncia a súa lección maxistral. Na mesa, desde a esquerda, o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Suanzes, o reitor Antonio López, a decana Ana María Gude e a secretaria da Facultade, Natalia Pérez. FOTO: Santi Alvite
Logo da lección maxistral impartida polo presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido, o acto serviu para entregar as insignias da Facultade ao persoal docente con motivo dos seus 25 anos de servizo

O presidente do Tribunal Constitucional, Cándido Conde-Pumpido Tourón, cualificou a Constitución de 1978 como “un logro importante na nosa vida colectiva e unha fazaña inédita, porque foi unha Constitución votada en liberdade, que xurdiu dun pacto alcanzado entre todos para convivir civilizadamente” e apuntou, ademais, que é o segundo pacto constitucional español máis lonxevo, tras a Constitución de 1876, que estivo en vigor ata 1923. Conde-Pumpido pronunciou a súa lección maxistral 'A nosa Constitución e o seu tribunal' no marco do acto institucional organizado co gallo da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón da Facultade de Dereito, evento que presidiu o reitor Antonio López.

O presidente do Tribunal Constitucional, egresado da Facultade santiaguesa, lembrou  os seus anos de estudante en Compostela, onde residiu no Colexio Maior Fonseca e estudou Dereito no edificio que é hoxe a Facultade de Xeografía e Historia, e asegurou que “xamais esquecerei aqueles anos, un tempo politicamente convulso no que eu percorría as rúas e prazas para formarme”, da man de prestixiosos profesores, dos cales algúns asistiron á súa lección maxistral.

A decana da Facultade, Ana María Gude Fernández, profesora de Dereito Constitucional, valorou na súa intervención a importancia da Constitución de 1978 e do seu Tribunal, “pedras angulares da democracia española”, que “proporcionaron un marco sólido para o desenvolvemento político, a protección dos dereitos fundamentais e a xestión eficiente do país. Foron os piares básicos para preservar a estabilidade, a xustiza e a equidade nos últimos corenta anos en España”.

A secretaria do centro, Natalia Pérez Rivas, puxo en cifras a vida da Facultade en 2023: un total de 1.117 estudantes, dos cales 170 foron de novo ingreso en Dereito, grao para o que se rexistraron unhas 950 solicitudes, e 50 en Criminoloxía, onde presentaron solicitude case 500 persoas. Recordou, así mesmo, que de cara ao futuro se deberán afrontar “retos xurídicos coma os que supón a intelixencia artificial”.

A parte final do acto foi un recoñecemento polos 25 anos de servizos prestados na Facultade de Dereito aos profesores Juan José Nieto Montero -quen non puido asistir- e Javier Ferreira Fernández, actual xerente da USC. Ao evento tamén asistiron o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Suanzes; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín e outras autoridades, así como representantes doutras facultades da USC, profesorado e alumnado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2024.