Pasar al contenido principal

Últimos días para que os centros de ensino medio soliciten praza nos ‘Encontros na Zona USC’

Nos formularios de inscrición, cada centro de Ensino Medio debe indicar os seus datos e mais os dunha persoa acompañante así como o día da visita e o número de estudantes de cada percorrido. FOTO: Santi Alvite
Nos formularios de inscrición, cada centro de Ensino Medio debe indicar os seus datos e mais os dunha persoa acompañante así como o día da visita e o número de estudantes de cada percorrido. FOTO: Santi Alvite
A edición anterior acolleu uns 5.200 estudantes que puideron visitar aulas, laboratorios e outros espazos nos que se imparten as titulacións da súa preferencia

Estudantes de centros de ensino medio de toda Galicia terán entre finais de xaneiro e comezos de febreiro unha nova oportunidade de coñecer a oferta de graos da Universidade de Santiago a través dos ‘Encontros na Zona USC’. Esta iniciativa permite ao futuro estudantado universitario coñecer de primeira man os centros e servizos nos que cursar estudos o vindeiro curso académico.

 Cada estudante poderá elixir un percorrido de entre os quince ofertados, a través dos cales, visitarán aulas, laboratorios e outros espazos dos centros nos que se imparten as titulacións da súa preferencia. A edición anterior dos Encontros acolleu uns 5.200 estudantes pertencentes a 100 centros de ensino medio. O prazo de solicitude está aberto ata o 24 de xaneiro a través dun formulario en liña. Pola súa parte, o Campus de Lugo acollerá o estudantado os días 2 e 3 de abril. Neste caso, o prazo de inscrición abrirase durante o mes de febreiro.

Nos formularios de inscrición, cada centro de Ensino Medio debe indicar os seus datos e mais os dunha persoa acompañante así como o día da visita e o número de estudantes de cada percorrido. Na actualidade, quedan prazas libres para os Encontros dos días 30 e 31 de xaneiro, así como do 2 de febreiro, xa que dende que se abriu o período de solicitudes xa hai arredor de 3.000 estudantes inscritos procedentes de medio cento de centros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2024.