Pasar al contenido principal

O estudo premiado co Valentín Paz Andrade evidencia como a COVID-19 incrementou a desigualdade en Galicia

De esquerda a dereita, Manuel Pérez Álvarez, María del Carmen Sánchez-Carreira, Antonio López Díaz, María Dolores Riveiro García e José Manuel Amoedo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Manuel Pérez Álvarez, María del Carmen Sánchez-Carreira, Antonio López Díaz, María Dolores Riveiro García e José Manuel Amoedo. FOTO: Santi Alvite
Este galardón que recoñece a investigación en economía distingue un traballo de José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira no que se constata unha “brecha xeracional” na distribución da renda que afecta ás persoas menores de 35 anos
Santiago de Compostela

José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira recolleron este martes 23 o premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e o Consello Económico e Social (CES). Amoedo e Sánchez-Carreira foron premiados polo artigo ‘Os efectos iniciais da COVID-19 nas desigualdades de renda en Galicia e a súa distribución na sociedade’, un traballo que veu a luz na Revista Galega de Economía.

O reitor da USC, Antonio López, quen presidiu o acto, así como o xurado que outorgou o premio, destacou a relevancia dun galardón que recoñece investigacións “de moito valor, relacionadas con Galicia e con proxección para a sociedade”. Antonio López lembrou a importancia de dar pulo a traballos que como o de Amoedo e Sánchez-Carreira “sirvan para a toma de decisións”. Neste senso, rememorou as palabras do epidemiólogo social británico Richard Wilkinson arredor do concepto de desigualdade, ao destacar que con independencia de que unha sociedade sexa máis ou menos rica, o realmente crucial é que esa riqueza “sexa ben distribuída”. Pola súa parte, o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez Álvarez, rememorou a figura “polifacética” de Valentín Paz Andrade e subliñou que “unha investigación xeradora de valores e ideas é a base para o progreso económico e social”.

Logo da lectura da acta do xurado por parte de María Dolores Riveiro García, directora do IDEGA, José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira recolleron o galardón reivindicando “políticas sociais que axuden a recuperar o benestar”. O traballo premiado na modalidade dirixida a traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, ten como obxectivo identificar, medir e describir os cambios nas desigualdades de renda en Galicia despois da pandemia por mor da COVID-19. Para isto, calcularon diferentes indicadores de desigualdade de renda que permiten analizar a súa evolución antes e despois da pandemia (2014-2020), considerando as diferentes fontes de ingreso. José Manuel Amoedo lembrou como o influxo da COVID-19 se cebou moi especialmente en Galicia coas persoas menores de 35 anos. Pola súa parte, Sánchez-Carreira puxo o foco en como “unha boa análise é a mellor base para políticas públicas máis efectivas”, ademais de lembrar como o estudo evidencia a “brecha xeracional” que existe en Galicia neste ámbito.

O xurado motivou as súas decisións, tomadas por unanimidade, “na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia”. Ademais de Antonio López, integraron o xurado María Dolores Riveiro García do IDEGA, Manuel Pérez, presidente do CES; Manuel Martínez, secretario do CES; Fernando González Laxe da UDC e Xosé Henrique Vázquez Vicente da UVigo. José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira pertencen á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

Os principais resultados do estudo poden sintetizarse en tres aspectos. Primeiro, a pandemia implica un incremento das desigualdades de renda en Galicia en 2020. Ademais, “aumentaron as desigualdades segundo o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos dos compoñentes do fogar, así como as desigualdades territoriais”, explican Amoedo e Sánchez-Carreira. Finalmente, as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de suavizar o efecto da pandemia nas desigualdades. “Cómpre sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas se visen claramente menos protexidos que os de maior idade”, matizan.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.06.2024.