Pasar al contenido principal

Bota a andar a primeira edición do premio ao Vídeo TikTok, Instagram ou Youtube Cátedra Institucional Vida Saudable

Cada estudante poderá concorrer ao certame cun único vídeo no que deberá presentar a elaboración dun prato saudable, ben sexa un primeiro, un segundo ou unha sobremesa. FOTO: Santi Alvite
Cada estudante poderá concorrer ao certame cun único vídeo no que deberá presentar a elaboración dun prato saudable, ben sexa un primeiro, un segundo ou unha sobremesa. FOTO: Santi Alvite
Poderá participar estudantado matriculado en calquera titulación de grao, mestrado universitario ou doutoramento das tres universidades públicas galegas
Lugo, Santiago de Compostela

A primeira edición do Premio ao Vídeo TikTok, Instagram ou Youtube Cátedra Institucional Vida Saudable diríxese a todo o estudantado que estea matriculado en calquera titulación de grao, mestrado universitario ou doutoramento das tres universidades públicas galegas. Cada estudante poderá concorrer ao certame cun único vídeo no que deberá presentar a elaboración dun prato saudable, ben sexa un primeiro, un segundo ou unha sobremesa. O vídeo deberá publicarse en, polo menos, unha das seguintes plataformas: TikTok, Instagram ou Youtube (vídeo tradicional ou modalidade Youtube Shorts) co cancelo #catedravidasaudableUSC

Con este certame, preténdese fomentar a difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable, cumprindo deste xeito cos fins para os que foi creada a Cátedra Institucional de Vida Saudable da USC. No caso das plataformas Instagram e Youtube, debe ser mencionado, no descritor do vídeo, o perfil oficial da Universidade de Santiago de Compostela. O vídeo poderá ter un ou varios autores pero neste último caso deberán estar etiquetados no vídeo. Ademais, no caso de que o vídeo non estea gravado en galego deberá estar subtitulado neste idioma.

As solicitudes presentaranse a través do rexistro electrónico da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’ e dirixiranse á Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación indicando no asunto ‘I Premio ao Vídeo TikTok, Instagram ou Youtube Cátedra Institucional Vida Saudable’, achegando os documentos requiridos nas bases do certame.

Premios

Outorgaranse dous premios de 200 e 150 euros en cada unha das tres categorías: primeiro prato, segundo e sobremesa. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 2 de abril de 2024. Todas as consultas relativas ao premio poden trasladarse a través do enderezo electrónico catedra.vidasaudable [at] usc.gal (catedra[dot]vidasaudable[at]usc[dot]gal)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.01.2024.