A loita biolóxica ataca o talón de Aquiles da rata toupa
O órgano vomeronasal da rata toupa (Arvicola scherman) ben podería ser o talón de Aquiles dunha praga de roedores herbívoros que desde hai anos está a colonizar as pradeiras dalgúns dos municipios da montaña luguesa, como Pedrafita ou, entre outros, Triacastela, nos que a súa presenza crecente provoca importantes perdas económicas aos agricultores e gandeiros da contorna. O estudo anatómico e morfofuncional do órgano vomeronasal da rata toupa desenvolvido pola investigadora Sara Ruiz Rubio, un traballo no que tamén participaron outros integrantes do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC que coordina Pablo Sánchez Quinteiro, centra a temática dun artigo que acaba de saír publicado na revista americana ‘The Anatomical Record’, no que se constata a excepcional relevancia que ten este órgano sensorial para a rata toupa.
O órgano vomeronasal é o que permite captar e interpretar sinais de comunicación química emitidas por ‘feromonas’ ou ‘cairomonas’, explican estes investigadores da USC, ao tempo que salientan o gran tamaño e tamén o avanzado grao de desenvolvemento que presenta este órgano no caso da rata toupa, un mamífero subterráneo no que actúa como un dos seus principais referentes sensoriais xunto co olfacto, dado que a vista e o oído son sistemas moi atrofiados, cando non inexistentes, nesta especie de roedores.
A caracterización anatómica, morfolóxica e funcional do órgano vomeronasal da rata toupa feita pola veterinaria Ruiz Rubio, reforza se cabe a pertinencia da loita química como a alternativa máis viable e sustentable para controlar e, de ser o caso, erradicar unha praga cuxo número de individuos segue a multiplicarse en moi diversas localizacións do vello continente a pesar da posta en marcha doutras estratexias que resultaron ser insuficientes o pouco eficaces, tal e como pode ser o caso da distribución de dispositivos de trampeo nas áreas afectadas ou o incremento de depredadores (zorro, lobo, rapaces, felinos...) nestas mesmas localizacións.
A información achegada pola veterinaria Sara Ruiz Rubio no artigo publicado en ‘The Anatomical Record’, un traballo que forma parte da súa tese de doutoramento, revela aspectos ata agora descoñecidos do sistema vomeronasal da rata toupa, ao tempo que apunta o emprego de ‘cairomonas’ de depredadores que provoquen estrés neste tipo de roedores e alteren os seus ciclos reprodutivos, como posible estratexia apropiada para avanzar no seu control, na progresiva diminución de individuos e a posterior eliminación.
Traballos de campo
O profesor Sánchez Quinteiro explicou neste senso que as pescudas realizadas para Ruiz Rubio desenvolvéronse ao mesmo tempo que outros traballos de campo en diversas parcelas de control localizadas no concello de Triacastela, espazos nos que se testaron con diverso nivel de éxito estratexias de loita contra unha praga de roedores que, a través de galerías subterráneas, come desde a raíz as plantas herbáceas que brotan da superficie. “Os danos son cuantiosos, pois estamos a falar dun roedor cun tamaño lixeiramente superior ao dun topo común e que se reproduce durante todo o ano”, dixo Sánchez Quinteiro, ao tempo que fixo público o agradecemento á da dirección Xeral de Medio Rural polo apoio seu económico para a realización de traballos de campo e de laboratorio, así como á colaboración recibida de Aitor Somoano e do seu equipo do seu equipo do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida) de Asturias.
A información achegada por Ruiz Rubio nesta investigación constitúe un novo argumento científico que avala a estratexia de loita biolóxica proposta polo profesor Sánchez Quinteiro para combater as pragas de rata toupa, unha liña de traballo que propón o emprego de ‘cairomonas’ de depredadores deste roedor herbívoro nas áreas nas que se concentran co obxecto de alterar a súa existencia e incrementar o seu grao de estrés, o que incidiría negativamente nos seus ciclos reprodutivos e, por conseguinte, provocaría a progresiva diminución da poboación da rata toupa, explica.
O profesor Sánchez Quinteiro salientou asemade o interese dos resultados da investigación realizada por Sara Ruiz, un traballo que se desenvolveu á par que outros estudos promovidos en Francia sobre a utilidade da comunicación química para combater este tipo pragas de roedores. “Os dos estudos perseguen o mesmo obxectivo”, precisa Sánchez Quinteiro, pero teñen enfoques diferentes, engadiu, pois “mentres os colegas franceses profundan sobre o uso de ‘feronomas’ que poderían actuar como atracción cara a dispositivos de trampeo, a investigación do grupo de Morfoloxía Animal do Campus Terra da USC céntrase no efecto desestabilizador e no estrés que produce na rata toupa a percepción destas ‘cairomonas’, en canto que advirten da presenza de depredadores”.