A linguaxe na infancia centra un proxecto de Aprendizaxe-Servizo entre Formación do Profesorado e o Ceip Illa Verde de Lugo
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC e o CEIP Illa Verde de Lugo están a desenvolver ao longo do presente curso un proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) centrado na detección e avaliación de problemas de linguaxe na infancia. Até o momento desenvolvéronse un total de 13 actividades e obradoiros no marco dunha programación que terá continuidade os vindeiros días 6, 7, 13 e 14 de marzo.
O alumnado de cuarto curso do grao en mestre ou mestra en Educación Primaria que está a completar a materia Detección e avaliación dos problemas de linguaxe na infancia, impartida pola profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC María Fiuza Asorey e incluída na Mención en Audición e Linguaxe, desenvolveu o pasado mes de decembro ao abeiro deste ApS diversos obradoiros e actividades cos escolares das dúas aulas de segundo de Primaria do Ceip Illa Verde.
Esta primeira fase da colaboración concretouse no deseño de obradoiros e actividades con diferentes niveis de complexidade, nos que dunha forma lúdica se estimulou a aprendizaxe lectora, prestando atención á conciencia fonolóxica, ao procesamento léxico, ao procesamento sintáctico e ao procesamento semántico, aspectos todos eles necesarios no acto de ler. Deste xeito, xogando a “ pasa-palabra”, ao “memory”, ou ao “bingo de palabras”, entre outras actividades, os nenos e nenas consolidan a aprendizaxe lectora e melloran a súa precisión e velocidade. Estas acción realizáronse os días 12 e 13 de decembro.
O notable grao de satisfacción que depararon as actividades desenvolvidas até o momento no marco desta colaboración fixo que que a Facultade de Formación do Profesorado e o Ceip Illa Verde acordaran prolongar este proxecto de Aprendizaxe e Servizo ata final do presente exercicio académico, ao tempo que optaron por ampliar a participación neste proxecto ApS a escolares doutros cursos de primaria no centro educativo lugués.
Obxectivos dos proxectos ApS
Os proxectos de ApS teñen como obxectivo emprender experiencias de aprendizaxe nas que o alumnado destaca pola súa participación activa, de contacto e coñecemento da realidade que lle rodea, implicándose na comunidade na que se insire a Universidade e conferindo así á aprendizaxe académica un significado social.
A Universidade, a través deste tipo de actuacións, abre as súas portas á sociedade e comprométese de forma activa con ela. De xeito parello, os proxectos ApS pretenden emprender accións nas que quen recibe o servizo obteña un beneficio naquilo que considera conveniente. Intégrase, pois, o servizo á comunidade coa aprendizaxe de contidos, habilidades e valores, constituíndose así unha alianza de éxito, na que ambas as partes realizan achegas e benefícianse á vez do proxecto.