A Rede Remedia debate na EPS de Enxeñaría sobre as solucións que achegan os sistemas agroforestais fronte ao cambio climático

A Rede científica de mitigación de emisións de gases de efecto invernadoiro no sector agroforestal (Remedia) debate sobre as posibles solucións que achegan os sistemas agroforestais na loita contra os efectos derivados do cambio climático no marco dun foro de traballo que se desenvolverá este mércores e xoves na Escola Politénica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, abrirá este mércores, ás 9.30 horas, no salón de actos da EPSE o VII Workshop da Rede Remedia, coordinada pola catedrática do Departamento de Produción Forestal da USC Rosa Mosquera. O director do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Martín Barrasa; o catedrático Antonio Rigueiro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Argelio Fernández, tamén intervirán no acto de apertura desta reunión científica, que prolongará os seus debates durante a xornada matinal do xoves e para a que formalizaron a súa inscrición arredor de 100 persoas.
O investigador da Corporación de Investigación Agrícola de Brasila Ladislao Martín abrirá a quenda de relatorios deste congreso científico, cun relatorio baixo o título ‘Avaliación de sistemas integrados de cultivos, gandería, bosques e dinámica de carbono no solo en Brasil’. O programa do VII Workshop de Remedia continuará coa intervención de diversos relatores convidados, así como coa presentación de pósters e comunicacións, a través das que se abordará na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo algúns dos temas que se están a debater na actualidade nos correspondentes foros da Comisión Europea e tamén noutras organización internacionais como o son a FAO, GACSA ou a GRA.
O programa do workshop incluirá asemade presentación convidadas relacionadas coa promoción política dos sistemas agroforestais no marco da mitigación e adaptación ao cambio climático. As sesións técnicas programadas no neste foro permitirán asemade englobar en gres grandes bloques as contribucións científicas dos asistentes: sistemas gandeiros, solos e agricultura e sistemas forestais e agroforestais.