Pasar al contenido principal

Un recital poético festexa a saída do número 45 da revista 'Dorna'

Keith Payne, Lois Pérez e Antía Otero no recital bilingüe
Keith Payne, Lois Pérez e Antía Otero no recital bilingüe
Afra Torrado, Antía Otero, Keith Payne e Lois Pérez leron poemas incluídos na publicación

Un recital poético de Afra Torrado, Antía Otero, Keith Payne e Lois Pérez serviu este xoves 1 de febreiro para celebrar a saída do número 45 da revista Dorna. Expresión poética galega, que se presentou no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. O evento contou tamén coa participación do decano da Facultade, Elias Feijó Torres, como anfitrión, así como coa directora da revista, María Xesús Nogueira; a secretaria do Departamento de Filoloxía Galega, ao que está vencellado a revista, Felisa Rodríguez Prado; o director de Edicións USC, quen edita a publicación, Juan L. Blanco Valdés, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

No acto puideron verse as catorce imaxes que creou Emma Pedreira para o número 45 en exposición no Salón de Graos. A serie Autonavegación propón unha colaxe de técnica mixta que contén, cada unha, un verso dun dos libros de poesía de Pedreira. Así mesmo, fixéronse referencias á modernización do aspecto da publicación e tamén se amosou o facsímile do primeiro número da publicación. O acto incluíu ademais un recital bilingüe no que o poeta irlandés Keith Payne leu poemas en inglés e Lois Pérez e Antía Otero leron as correspondentes traducións.

Dorna. Expresión poética galega é unha revista anual fundada en 1981 e editada dende entón pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Xunta de Galicia. Trátase da única publicación miscelánea e periódica de poesía que se publica en Galicia, co obxectivo de ofrecer unha canle editorial aos autores e ás autoras noveis con arelas no cultivo lírico da lingua galega, aínda que tamén recolle con frecuencia a voz de poetas de sona.

A revista incorpora sistematicamente tres seccións: Creación, onde se inclúen os poemas orixinais e inéditos dos colaboradores de cada volume; Voces de Fóra, sección de traducións para lingua galega, que se ofrecen a carón dos poemas na lingua orixinal, de poetas contemporáneos de todas as latitudes; e Poéticas, onde diferentes voces da literatura galega relevantes exploran a súa escrita nun formato a medio camiño entre o ensaio e poesía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2024.