Pasar al contenido principal

Saleta Rosón retrata a beleza das cidades abandonadas

A mostra amosa imaxes das cidades de Kolmanskop e Al Madam. FOTO: Santi Alvite
A mostra amosa imaxes das cidades de Kolmanskop e Al Madam. FOTO: Santi Alvite
O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca acolle ata o 30 de marzo a exposición de fotografía 'A memoria do deserto'

Dúas cidades abandonadas, Kolmanskop e Al Madam, son os lugares que nos mostran as fotografías da exposición 'A memoria do deserto', de Saleta Rosón, que se inaugurou no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca este venres 2 de febreiro coa asistencia da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; da artista e do comisario da mostra, Antonio Cervera. Kolmanskop foi unha cidade colonial construída por empresas alemás en 1908 no deserto do Namib (Namibia) para aloxar os traballadores das minas de diamantes e Al Madam foi unha urbe levantada entre os anos 1970 e 1980 no interior do Emirato de Sharjah (Emiratos Árabes Unidos), a só 60 quilómetros da cidade de Dubai.

"Saleta Rosón crea un vínculo entre ela, o obxectivo da súa cámara e a natureza que retrata. Realízao con gran manexo da técnica, pero sobre todo cunha mirada respectuosa e fiel ao que a natureza volveu construír. A beleza que atrapa no seu obxectivo é real, aínda que retrata paisaxes que poden parecer surrealistas, a través de orixinais perspectivas e superposicións de diferentes planos", explica o comisario da mostra.

As dúas cidades arredor das cales xira a mostra foron creadas no deserto, ocupando a natureza, "intervindo o seu ciclo vital e cambiando o destino das dunas, areas ou sedimentos que durante séculos sustentaron ese ecosistema", subliña Antonio Cervera. Nas sucesivas décadas os habitantes das cidades convertéronse nun invasor deses lugares desérticos, e cando non os necesitaron máis e os abandonaron, a natureza comezou a súa particular reconquista: "a area busca un novo hábitat onde repousar, un espazo onde ir construíndo unha nova paisaxe", en palabras do comisario da mostra, quen sinala que a area aproveita "cada pedra para apoiarse, cada greta para introducirse e ir creando novas formas nesas cidades abandonadas. Este abandono é a orixe doutra contorna, construída esta vez pola natureza. Sedimento a sedimento, volve crear unha paisaxe de area en constante movemento e transformación".  A mostra poderá verse ata o 30 de marzo de 2024, de luns a sábado, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas.

A fotógrafa Saleta Rosón tomando fotografías no deserto
A fotógrafa Saleta Rosón tomando fotografías no deserto
Unha das imaxes de Kolmanskop. FOTO: Saleta Rosón
Unha das imaxes de Kolmanskop. FOTO: Saleta Rosón
Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2024.