Pasar al contenido principal

Un proxecto da USC investiga os nomes de persoas e lugares das ‘Cantigas de Santa María’ de Afonso X

O rei Afonso X O Sabio nunha miniatura das 'Cantigas de Santa María'
O rei Afonso X O Sabio nunha miniatura das 'Cantigas de Santa María'
Estanse a crear un dicionario e unha base de datos dixital, que estará accesible tamén para persoas con diversidade funcional ou baixa visión

Estudar os nomes propios que aparecen nas Cantigas de Santa María, tanto de persoas como de lugares, para crear un dicionario en formato libro dixital e unha base de datos na rede é o obxectivo dun proxecto no que está a traballar o doutor Manuel Negri do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago. O investigador indica que “as Cantigas de Santa María foron obxecto de moitos estudos, pero case nunca se abordaron dun xeito sistemático en canto aos nomes propios que se mencionan nas composicións. Así, considerada a escaseza de publicacións exhaustivas sobre este aspecto, este proxecto busca emprender un estudo en profundidade, novidoso, que estará permanentemente actualizado grazas ao uso das novas tecnoloxías”.

No proxecto trabállase con topónimos e antropónimos a través da súa clasificación, rexistro e mesmo na súa desambiguación cando sexa necesario. Para cada un destes elementos ofrécese unha contextualización e explicación pormenorizada en relación ás Cantigas onde aparecen. O obxectivo final é a creación dun dicionario de fácil acceso e consulta -a través dunha edición en formato dixital-, así como dunha base de datos que reúna todos os nomes propios transmitidos polas Cantigas, xunto coas formas medievais de referencia e unha ficha explicativa de cada un.

GloSabio

A base de datos GloSabio, chamada así en homenaxe ao impulsor das Cantigas, o rei  Afonso X O Sabio, é unha ferramenta dixital para a recuperación e a consulta de información actualizada e contrastada sobre topónimos e antropónimos mencionados nestas composicións da lírica galego-portuguesa. Esta ferramenta será de grande utilidade para a comunidade investigadora, pero tamén está pensada para un público xeral e non especializado. Nesta liña, está previsto que se poidan recuperar informacións sobre persoas e lugares a partir das formas que eses nomes teñen na linguaxe común.

Nestes intres xa están rexistrados preto de 200 entidades nominais e ao redor de 300 lugares. De cada nome de persoa recóllese información como data e lugar de nacemento, data da morte, categoría e papel social. No caso dos topónimos, aparece información de carácter histórico e a súa correspondente situación xeográfica. Para facer máis accesible esta ferramenta, está prevista a gravación dun titorial audiovisual pensado non só para un público menos especializado, senón tamén para persoas con diversidade funcional ou baixa visión.

A base de datos, na súa forma inicial, xa foi presentada no XIX Congreso da Asociación Hispánica de Literatura Medieval, celebrado en Portugal. Ademais, recentemente publicouse na prestixiosa revista académica italiana Carte Romanze un artigo no que se aclaran tres topónimos que aínda eran interpretados de forma diverxente por parte de varias persoas estudosas dos textos: Camela, Luzerna e Romania. “Son aínda escasas as achegas encamiñadas a ofrecer hipóteses resolutivas sobre a ambigüidade dalgúns topónimos citados nas Cantigas. Así, estes tres nomes teñen recibido lecturas diferentes por parte dos críticos, coa consecuente alteración do espazo no que ocorren os correspondentes milagres literarios” -salienta Manuel Negri-. Nesta liña, un dos principais obxectivos desta iniciativa é achegar unha identificación máis segura dos topónimos.

Así mesmo, o investigador, membro da Asociación Hispánica de Literatura Medieval e da Sociedade de Estudos Medievais e Renacentistas, está a avanzar nun monográfico para dar máis difusión aos nomes de persoas que aparecen nas Cantigas de Santa María, coa información histórica correspondente e desde unha perspectiva multidisciplinar, abordando aspectos non só lingüísticos e literarios, senón tamén históricos e artísticos.

O investigador Manuel Negri
O investigador Manuel Negri
Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2024.