Pasar al contenido principal

A Cátedra Institucional do Camiño abre as convocatorias de premios e axudas

Un grupo de camiñantes indo para Santiago. FOTO: Santi Alvite
Un grupo de camiñantes indo para Santiago. FOTO: Santi Alvite
Hai un galardón para investigacións e outro para os mellores TFG e TFM sobre as rutas xacobeas, así como subvencións a proxectos

As persoas que realizan investigacións sobre as rutas xacobeas xa teñen abertos os prazos para solicitar as axudas ou presentar traballos para optar aos galardóns que concede a Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC. No caso da VII Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións 2024, o prazo de presentación de solicitudes comeza o día 2 de febreiro e finaliza o día 1 de marzo e o período de execución dos proxectos de investigación será o comprendido entre o 1 de setembro de 2024 e 30 de novembro de 2024. As axudas que se concedan de conformidade a esta convocatoria serán tres como máximo, e cun importe máximo para cada axuda de 2.000 euros.

Mentres, no VII Premio a Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster sobre o Camiño de Santiago 2024 o prazo de presentación de solicitudes comeza o día 2 de febreiro e finaliza o día 8 de outubro. Poderán presentarse a este premio estudantes que defenderan durante o curso académico 2023/2024, un Traballo de Fin de Grao (TFG) ou un Traballo de Fin de Máster (TFM), ou equivalentes, en calquera universidade española ou estranxeira, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago e as Peregrinacións baixo diversos aspectos (históricos, culturais, xeográficos, turísticos…), e que tiveran acadado a máxima cualificación académica (sobresaliente) por parte das respectivas comisións. É condición inescusable para seren aceptados á consideración polo xurado que os traballos non foran premiados con anterioridade.

Finalmente, no VII Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións 2024 o prazo de presentación de solicitudes comeza o día 2 de febreiro e finaliza o día 1 de abril. Poderán presentarse a estes premios persoas de nacionalidade española ou estranxeira que publicaran durante o ano 2023 un traballo en formato de libro de autoría individual e/ou colectiva, ou defenderan unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago ou as Peregrinacións baixo diversos aspectos (históricos, culturais, xeográficos, turísticos…). Para seren aceptados á consideración polo xurado, os traballos non poden ter recibido ningún premio anteriormente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2024.