Pasar al contenido principal

Ciencias da Comunicación e Newtral verifican as afirmacións dos representantes políticos nos debates electorais previos ao 18F

O estudantado profundou no proceso de fact-checking político no marco dos debates electorais previos ás eleccións galegas do 18 de febreiro
O estudantado profundou no proceso de fact-checking político no marco dos debates electorais previos ás eleccións galegas do 18 de febreiro
Un grupo de 34 estudantes do grao en Xornalismo e dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual identificaron as declaracións factuais pronunciadas no debate do luns 5 para despois proceder á súa verificación
Santiago de Compostela

Estudantado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC realizou o seguimento en directo e verificou as declaracións dos representantes políticos que participaron no debate electoral previo ás eleccións autonómicas galegas que tivo lugar este luns 5 e que se emitiu a través da Televisión de Galicia. Un grupo de 34 estudantes do grao en Xornalismo e dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, acompañados por cinco docentes do centro, seguiron en directo o debate e verificaron unha trintena de declaracións dos representantes políticos, logo de identificar todas as afirmacións factuais que pronunciaron as persoas candidatas. A actividade desenvolveuse en colaboración con Newtral, unha organización dedicada á verificación que conta cunha liña educativa na que se integra a iniciativa Verificatón 18F, xunto ás tres universidades públicas galegas.

Deste xeito, o estudantado profundou no proceso de fact-checking político no marco dos debates electorais previos ás eleccións galegas do 18 de febreiro. A Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña sumáronse a este proxecto no que o estudantado profundou na metodoloxía e no proceso de comprobación das afirmacións da man do profesorado e do equipo de fact-checking de Newtral. Antes do inicio da campaña electoral, o estudantado recibiu capacitación sobre o proceso de verificación na que aprendeu a identificar se unha frase é verificable ou non, que fontes consultar e cal é o paso a paso na metodoloxía da verificación.

Jorge Vázquez Herrero, profesor promotor da actividade, manifestou a súa satisfacción co interese do alumnado xa que "é unha alegría que os nosos estudantes se comprometan fóra do horario lectivo para levar adiante unha actividade xornalística como a verificación dun debate electoral, que é crucial nestes tempos". Dende a Facultade de Ciencias de Comunicación, en colaboración con Newtral, anuncian que está previsto facer o mesmo seguimento no debate anunciado por RTVE na noite do 14 de febreiro. Neste sentido, Jorge Vázquez sinala que "esta actividade é unha mostra da conexión que debemos buscar entre a docencia, a investigación e a nosa contorna".

O proxecto súmase aos labores de formación en verificación e alfabetización mediática que desenvolve Newtral Educación. Ademais, a Facultade de Ciencias da Comunicación –a través do grupo de investigación Novos Medios– participa no proxecto europeo IBERIFIER –dentro do European Digital Media Observatory– co que tamén se vencella esta iniciativa.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.02.2024.