Pasar al contenido principal

‘Protagonistas, as enxeñeiras’ achega as titulacións da Escola Politécnica a alumnado no IES Ánxel Fole de Lugo

Alumnado de ensino medio, nun dos obradoiros STEM celebrados na EPS de Enxeñaría
Alumnado de ensino medio, nun dos obradoiros STEM celebrados na EPS de Enxeñaría
Os obradoiros divulgativos organizados no centro universitario do Campus Terra co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia permitiron a preto de medio centenar de estudantes de ensino medio participar en sesións de voo de drons, escaneado 3D, ademais de asistir a micro relatorios sobre velocidade, ciclo hidrolóxico, desenvolvemento de produtos con madeira estrutural, así como as pontes que conectan a enxeñaría co cancro
Lugo

A iniciativa ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, un evento promovido pola Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC co gallo do Día Internacional da Muller da Nena da Ciencia, permitiu a preto de medio centenar de estudantes de ensino medio no IES Ánxel Fole de Lugo achegarse ás titulacións de carácter científico e tecnolóxico (STEM, nas súas siglas en inglés) impartidas neste centro universitario, a través da participación en diversos obradoiros divulgativos sobre voo de drons, escaneado 3D, ou da asistencia a micro relatorios sobre velocidade, ciclo hidrolóxico, desenvolvemento de produtos con madeira estrutural, así como respecto das pontes que conectan a enxeñaría co cancro.

As promotoras de ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, un evento concibido como fórmula para favorecer a incorporación de máis mozas aos estudos de enxeñaría, tanto no que se refire a enxeñarías agrícolas e agroalimentarias, forestais e do medio natural, enxeñaría civil, enxeñaría de Montes, así como de calquera outra disciplina universitaria de carácter científico e tecnolóxico, salientaron o interese da mocidade que tomou parte nunha xornada que ven necesaria para estimular e garantir que a muller goce dunha presenza e sexa protagonista en situación de igualdade respecto dos homes na sociedade tecnolóxica que está por vir. Esta realidade, detallaron, aínda se fai máis urxente na actualidade en España, onde, alén da falta de referentes femininas, a porcentaxe de mulleres que están a completar estudos de enxeñaría e ou tecnoloxía apenas representa o 13%.

O programa de actividades deseñado desde a EPSE co apoio do Campus Terra da USC e do Concello de Lugo incluíu preto dunha decena de obradoiros, que se desenvolveron en quenda de mañá nas distintas instalacións do centro universitario. O abano de talleres ofertado ao alumnado incluíu propostas de impresión 3D, voo de drons, novas pontes entre a enxeñaría e o cancro, ‘Micro Aliens contra pragas’, esqueleto de edificios, ciclo hidrolóxico, escaneado 3D dun bosque, desenvolvemento de produtos de madeira estrutural ou actividades arredor da velocidade.

Os obradoiros, de participación libre e gratuítos en función das preferencias da mocidade, estiveron impartidos por persoal docente e investigador da EPSE, un colectivo integramente feminino que, neste evento conmemorativo do Día da Muller e da Nena na Ciencia, estivo formado por Cecilia Alonso, Beatriz Blanco, Cristina Cabaleiro, Adriana Conde, María Belén Feijoo, María Elena Fernández, María Dolores Fernández, María da Luz Gil Docampo, María José López Villar, María Portela, María Flora Romay, Ana Daría Ruiz, Mónica Ruy, Patricia Eva Tato del Valle, María Teresa Teijeiro e Montserrat Valcárcel.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.02.2024.