Pasar al contenido principal

Ciencias da Comunicación celebra o 8 de marzo cun novo espazo dedicado ás mulleres ilustradoras que inaugura este mércores a autora de Dina Mita

Viñeta de Dina Mita, obra de Ticiana Ghiglione Darriba
Viñeta de Dina Mita, obra de Ticiana Ghiglione Darriba

Con motivo do 8 de marzo, a Facultade de Ciencias da Comunicación e a súa biblioteca, en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC, quere achegar a súa mirada co novo espazo ‘ m n=muller en potencia’, no que se dará acollida a mulleres vinculadas co mundo da ilustración e a viñeta, entendidas hoxe como creadoras en minoría.

O novo espazo virá sempre acompañado de actos de análise da realidade desas mulleres e da sociedade. Nesta primeira ocupación de mn participará a autora da personaxe Dina Mita, Ticiana Ghiglione Darriba, que explicará a súa andaina no mundo da ilustración. A charla será ás 10.45 horas na aula 5 da facultade.

Ticiana Ghiglione é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e con mestrado en Libro ilustrado e animación audiovisual. Na provincia de Pontevedra coordina o macro proxecto artístico AgoraLibros, Os libros nas prazas da artista multidisciplinar Luz Darriba e colabora coa revista dixital Foeminas.

Ciclo cinema
Ciencias da Comunicación desenvolve tamén neste mes de marzo o ciclo ‘A outra mirada-Cinema e Muller’ dedicado ás directoras galegas e as súas incidencias no acontecer próximo e elaborado por un grupo de alumnas da Facultade. A actividade inaugúrase este martes coa proxección, ás 18.00 horas no Visionado 3, de 'Doli Doli Doli... Coas conserveiras', de Uqui Permui.

O ciclo continúa o 14 de marzo con Olaia Sendón e ‘Kauflanders', o 21 con ‘Tralas luces’ de Sandra Sánchez e remata o 28 con Diana Toucedo e o seu traballo ‘En todas as mans’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.03.2017.