Pasar al contenido principal

DIGILARE procura solucións ante os desafíos da dixitalización das relacións laborais

A xuntanza do consorcio desenvolveuse en Madrid
A xuntanza do consorcio desenvolveuse en Madrid
O consorcio no que participa a USC quere proporcionar unha análise comparada de como os sistemas de traballo de cada Estado responden, a nivel de empresa, aos retos dixitais
Santiago de Compostela

O proxecto DIGILARE quere proporcionar unha análise comparada de como os sistemas nacionais de relacións laborais responden, a nivel de empresa, aos desafíos vinculados ao traballo dixital e á dixitalización das relacións laborais, coa vontade de reforzar eventualmente as estruturas de relacións laborais en Europa. O consorcio no que participa a USC  acaba de desenvolver a primeira reunión do seu comité de pilotaxe en Madrid, na Universidade Carlos III.

A investigación proxectada baséase en catro “coordenadas”. A primeira delas refírese á inclusión dos traballadores non estándar, incluíndo os que traballan en plataformas, no ámbito subxectivo dos dereitos de información e consulta. A segunda “coordenada” trata da lei aplicable: que normas nacionais sobre información e consulta se aplican nun contexto transfronteirizo, especialmente no eido do teletraballo. 

En terceiro lugar, o proxecto analiza os diferentes enfoques nacionais para levar á práctica os dereitos de representación dixital, “por exemplo a posibilidade de reunións dixitais, supoñendo que canto maiores sexan as posibilidades de participación, os grupos menos representados, como as mulleres, os coidadores ou as persoas con discapacidade, implicaranse con máis forza”, apuntan dende a coordinación do proxecto. Por último, como cuarta “coordenada” avaliaranse os dereitos de participación no lugar de traballo no que respecta á transición cara a unha economía climaticamente neutral e a protección da dignidade humana ao usar ferramentas de vixilancia dixital ou sistemas de intelixencia artificial.

O consorcio está integrado por tres beneficiarios (Universidade de Santiago de Compostela –coa participación de José María Miranda Boto, Yolanda Maneiro Vázquez e Lidia Gil Otero–, Universität Wien e ASTREES) e 15 membros asociados. O equipo está composto por 23 investigadores, procedentes de 15 países (14 Estados membros e Turquía), e está liderado polo profesor Miranda Boto e a profesora Elisabeth Brameshuber, da Universidade de Viena. Baixo o mesmo liderado, o equipo xa puxo en práctica anteriormente o proxecto COGENS, do que derivou unha monografía en acceso aberto.

A Comisión Europea, a través da súa liña de financiamento específico para a promoción do diálogo social en Europa, cofinancia a iniciativa. O programa de traballo contempla a realización dun seminario transnacional en Viena en xuño de 2024, un segundo seminario en Budapest en febreiro de 2025 e unha conferencia final en Santiago de Compostela en setembro de 2025, á que acudirán máis dun centenar de académicos e prácticos do Dereito do Traballo, incluíndo unha forte representación de axentes sociais, tanto membros dos sindicatos como de organizacións empresariais, nacionais e europeas. Os principais resultados científicos recolleranse nunha nova monografía publicada en acceso aberto e nun documento de propostas (‘policy paper’) que se traducirá a todas as linguas dos países participantes.

O consorcio está integrado por tres beneficiarios e 15 membros asociados
O consorcio está integrado por tres beneficiarios e 15 membros asociados
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2024.