Pasar al contenido principal

Física acolle o lanzamento do consorcio TECRA, para o desenvolvemento de novas tecnoloxías fronte ao radon

O Laboratorio de Análise de Radiacións da USC (LAR) participa na posta en marcha do consorcio TECRA para o desenvolvemento de novas tecnoloxías de protección fronte ao radon. Financiado pola Axencia Galega de Innovación e polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER), este consorcio celebrará este mércores 25 a súa primeira xuntanza técnica na sala de xuntas do bloque 4 da Facultade de Física (edificio Monte da Condesa) a partir das 16.30 horas.

O obxectivo principal do proxecto é reducir de xeito eficiente a concentración de gas radon en edificacións ata niveis que non representen risco para a saúde. Para alcanzar este obxectivo, o consorcio traballará no desenvolvemento dun sistema global de actuación baseado na eliminación mediante barreiras do foco principal de entrada deste gas, ademais de prestar atención tamén ao control do radon residual mediante un sistema de ventilación activa intelixente e selectivo que actuará unicamente onde e cando sexa necesario para minimizar o impacto que a súa exposición pode ter na poboación.

En TECRA participan a empresa de servizos eléctricos e de instrumentación para a industria de xeración e que lidera este grupo, ATI Sistemas; Galaicontrol, empresa que nace como un laboratorio de ensaios para o control de calidade no sector da construción; Arraela, con experiencia no desenvolvemento de novos materiais e nas súas aplicacións, especialmente en radioprotección; e Padreiro, dedicada á fabricación e distribución de novos materiais de construción, fundamentalmente aqueles de alta estabilidade térmica e bo illamento.

Alcance do proxecto
Cunha duración de 34 meses, o proxecto levarase a cabo integramente en Galicia. A súa finalidade é desenvolver vivendas máis saudables e seguras, capaces de cumprir coa normativa vixente en materia de protección a radiación ionizante de orixe natural. Ademais, permitirá promover o desenvolvemento de postos de traballo no sector industrial e potenciar a capacidade de xeración de riqueza e emprego na industria española, obxectivo en liña coas prioridades do Plan Estratéxico de Desenvolvemento Intelixente RIS3 Galicia das prioridades comunitarias.

Gas radon
O radon é un gas radiactivo de orixe natural que emana do solo e de cuxa exposición poden derivar importantes problemas de saúde. É incoloro, insípido e sen cheiro recoñecible. Segundo explican os investigadores do LAR, a exposición a radon prodúcese, preferentemente, tras a súa inhalación en recintos deficientemente ventilados que alcanzan por fendas ou conducións en contacto co chan.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.01.2017.