Pasar al contenido principal

O Instituto de Humanidades dá os seus primeiros pasos cun seminario que rastrexa “as ruínas do futuro”

Esta actividade conforma o punto de partida do iHUS, un “espazo atractivo e creativo para o desenvolvemento da carreira científica en Humanidades". FOTO: Santi Alvite
Esta actividade conforma o punto de partida do iHUS, un “espazo atractivo e creativo para o desenvolvemento da carreira científica en Humanidades". FOTO: Santi Alvite
Especialistas procedentes de Portugal, Francia, Romanía e España danse cita en Xeografía e Historia para afondar nos “problemas do Capitaloceno”
Santiago de Compostela

O seminario internacional ‘Future Ruins’ que botou a andar na Facultade de Xeografía e Historia da USC este martes 6 e que se estende ata este mércores 7 serviu de punto de partida para a actividade do Instituto de Humanidades da USC (iHUS), recentemente creado. Este seminario  conta con especialistas de universidades e centros de investigación de Portugal, Francia, Romanía ou España, para “axudarnos a pensar os problemas do Capitaloceno”, tal e como apuntan dende o equipo organizador. O obxectivo é mostrar de que modo as “despaisaxes” da ficción especulativa permiten albiscar a “crise” dende unha perspectiva integral: “crise global que, sendo ecolóxica e ambiental, é tamén social, política, económica e cultural. Ao fin, só sendo máis críticos co presente poderemos aspirar a un futuro mellor”, explican.

Na sesión inaugural interviñeron a directora do iHUS, Laura Lojo; xunto co profesor Federico López Silvestre e o investigador Abraham Cea Núñez. Rastrexar coa axuda da arte e a ficción especulativa esas ruínas do futuro ás que apunta o título do seminario “implica espir os grandes fetiches do presente, eses supostos actos de civilización e progreso que hoxe parecen incuestionables pero que de aquí a uns anos deixarán tras de si un mundo arrasado”, relatan. “Por suposto, falamos de ruínas ecolóxicas pero tamén sociais derivadas do extractivismo intensivo, das verteduras contaminantes, das tecnoloxías bélicas, dos desastres nucleares ou do lixo espacial e as ruínas dixitais”, engaden.

“A idea xeral que nos move é que a universidade debe enfrontarse aos problemas do presente. Falar de ‘Ruínas do Futuro’ é, no fondo, enfrontarse a cousas que están a pasar agora”, explica o profesor Federico López Silvestre. “Os monocultivos están a cambiar a paisaxe e acabando coa biodiversidade. A xente consome plásticos, computadores e móbiles sen parar, e non é consciente do que implican para o planeta e a vida. Non se trata de poñerse catastrofista, pero é obvio que convén estar alerta, non vaia a ser que o feitizo do progreso nos faga esquecer as consecuencias do que facemos”, sinala.

Esta actividade conforma o punto de partida do iHUS, un “espazo atractivo e creativo para o desenvolvemento da carreira científica en Humanidades, con capacidade e compromiso para a atracción, formación e retención de talento”. Ademais o novo centro reivindica o seu papel en calidade de “socio estratéxico da administración e os actores sociais para abordar conxuntamente os retos da sociedade actual”. Así, constitúese como unha “contorna de excelencia para a investigación interdisciplinaria no eido das Humanidades nucleado ao redor dunha axenda científica estratéxica compartida que formula os obxectivos do centro potenciando novas formas de abordar os retos da nosa sociedade”.

O IHUS naceu cunha axenda científica clara. Na mesma fálase de tres eixos problemáticos moi marcados no presente e do modo en que as artes e as humanidades poden darlles visibilidade e atoparlles resposta: antropoceno e cambio climático xunto co papel de sensibilización ecolóxica da arte, a literatura ou a historia; as humanidades dixitais e os problemas que traen consigo as redes globais, a xeoloxía dos media; e o conflito entre as identidades locais e de xénero e os procesos de homoxeneización globais do presente. “Colocámonos fronte a estas cuestións, e tentamos ver de que modo as artes, a historia, a literatura e a filosofía nos axudan a enfocalos doutro xeito”, explica López Silvestre. O seminario está organizado polo proxecto de investigación Deparq e conta co apoio da rede Yucunet e de IDEAHS, alén do iHUS.

Asistentes ao seminario. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao seminario. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.02.2024.