O maxistrado Luciano Varela Castro interveu en Dereito na festividade de San Raimundo de Peñafort
A Facultade de Dereito celebrou este luns o acto do seu patrón, San Raimundo de Peñafort, nunha cerimonia que presidiu o vicerreitor de Oferta Docente, Roberto López, e na que o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela Castro impartiu a lección maxistral ‘Vivencia xurisdiccional: unha reflexión crepuscular’.
Á conferencia seguiulle a entrega de insignias da facultade aos docentes Ana Díaz Martínez, Isabel Espín Alba, María Isabel Lirola Delgado e Joaquín Rodríguez-Toubes con motivo dos seus 25 anos de servizo no centro. Logo da entrega de diplomas ao alumnado que rematou os seus estudos o pasado curso e aos Premios Extraordinarios de grao e másteres, o decano da facultade, Gumersindo Guinarte, tomou a palabra no peche do acto.
Á celebración asistiron, entre outras personalidades, a Valedora do Pobo, o presidente do TSXG, o decano do Colexio de Avogados e presidente do Consello da Avogacía de Galicia, o presidente da Audiencia Provincial da Coruña, a directora da EGAP, o director xeral de Xustiza e os voceiros dos grupos parlamentarios do Parlamento Galego.
A sesión celebrouse na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC