A segunda edición da xornada ‘Investir en Ciencia si é rendible: Impacto e retorno’ desenvolverase os días 21 e 22 de febreiro
Máis de 50 relatores, representantes de nove universidade europeas e portavoces dos ecosistemas de ciencia, tecnoloxía e investimento de Madrid, Valencia, Murcia, País Vasco, Andalucía, Aragón, Cataluña e Galicia analizarán casos de éxito e novos proxectos de investimento en novas tecnoloxías e ciencias da vida que contribúan a un desenvolvemento sostible. Será durante a segunda edición da xornada ‘Investir en Ciencia si é rendible: Impacto e retorno’, que se desenvolverá en Santiago de Compostela os días 21 e 22 de febreiro.
Impulsado pola USC e organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital de Noso Capital, o evento pretende impulsar o investimento en transferencia do coñecemento e proxectos disruptivos e poñer en valor a súa relevancia para o desenvolvemento social e económico. Segundo o reitor da USC, Antonio López Diaz, “dende a Universidade de Santiago e co acompañamento de todo o sistema universitario galego, pero tamén coa imprescindible colaboración das empresas, e con UNIRISCO como punto de encontro levamos máis de 25 anos apostando pola transferencia de coñecemento como unha misión universitaria”.
“É un encontro de todo o ecosistema español de investimento e transferencia de coñecemento para compartir experiencias e coñecer casos de éxito, investimentos que crean ecosistemas e aquelas que contribúen a facer país, especialmente dende as Universidades”, sinalou Inmaculada Rodríguez, directora de Unirisco. “É unha oportunidade para coñecer o impacto das tecnoloxías disruptivas e a IA; os investimentos que responden a retos e que son capaces de crear un novo ecosistema de innovación e un espazo onde interactuar con fondos de investimento, xestoras, business angels, family offices e entidades financeiras”, subliñou Tomás Pérez, CEO de Noso Capital. Esta segunda edición espera superar a participación do primeiro encontro que tivo lugar en 2023, ao que se sumaron os 30 principais investidores de emprendemento en innovación e transferencia tecnolóxica que operan en España e máis de 200 asistentes.
Premios
A segunda edición deste evento concluirá coa entrega dos primeiros premios ‘Investir en ciencia si é rendible’ que distinguirán o esforzo de organizacións e empresas nas categorías de innovación, ecosistema e startup. Estes premios son unha homenaxe en memoria do legado profesional e persoal de Isaac Chocrón, impulsor do ecosistema de emprendemento e innovación español, cuxo lema era: “traballemos xuntos no impulso do ecosistema de innovación”.