Pasar al contenido principal

Un equipo de Ciencias Económicas avalía o impacto dos fondos Next Generation na industria cultural e creativa en Galicia

O traballo de María Bastida (no centro da imaxe), Miguel A. Vázquez Taín (esquerda) e María Luisa del Río Araújo (dereita) formula un enfoque pioneiro tanto en termos de avaliación do impacto dos recursos postos a disposición do sector cultural como en termos de execución e metodoloxía. FOTO: Santi Alvite
O traballo de María Bastida (no centro da imaxe), Miguel A. Vázquez Taín (esquerda) e María Luisa del Río Araújo (dereita) formula un enfoque pioneiro tanto en termos de avaliación do impacto dos recursos postos a disposición do sector cultural como en termos de execución e metodoloxía. FOTO: Santi Alvite
O informe presentado mostra novas vías de rendemento de contas e evidencia a capacidade de xeración de coñecemento e transferencia nas Ciencias Sociais, como sinalou o xerente Javier Ferreira na sesión que tivo lugar na propia Facultade
Santiago de Compostela

Un equipo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acaba de desenvolver un estudo sobre o impacto dos fondos Next Generation na industria cultural e creativa de Galicia. O proxecto é unha iniciativa pioneira que define un novo modo de proceder na análise e seguimento do impacto de iniciativas de apoio en forma de subvencións ou fondos de recuperación, extrapolables a outros ámbitos. Como indicou no acto de presentación do informe o xerente da USC, Javier Ferreira, esta é unha boa mostra da capacidade de xerar coñecemento e desenvolver formas de transferencia nas Ciencias Sociais. Nesta mesma liña apuntou que a USC está a traballar no desenvolvemento dun marco que favoreza unha maior axilidade e flexibilidade na relación dos equipos de investigación coa súa contorna para dar resposta a propostas de transferencia de coñecemento que poidan xurdir e así avanzar na aposta que a Lei da Ciencia fai a prol de poñer a universidade ao servizo da sociedade. No acto tamén interveu Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento.

O traballo de María Bastida, Miguel A. Vázquez Taín e María Luisa del Río Araújo formula un enfoque pioneiro tanto en termos de avaliación do impacto dos recursos postos a disposición do sector cultural como en termos de execución e metodoloxía. A achega afonda ademais na capacidade de abrir novas vías en rendemento de contas ou na definición de mecanismos para analizar a efectividade de liñas de apoio a determinados sectores. No caso concreto da industria cultural e creativa en Galicia, o equipo da USC evidencia que por cada euro de axuda concedida ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional —dentro do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER 2014-2020— xeráronse case catro euros en actividade económica no sector.

O Fondo REACT-EU forma parte dun paquete de axudas europeo aprobado pola Comisión Europea, denominado Next Generation EU, creado para contribuír a reparar os danos económicos e sociais inmediatos causados pola pandemia do coronavirus. No marco do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega que foi deseñado para destinar os devanditos fondos europeos ao sector empresarial cultural en Galicia, concedéronse máis de sete millóns de euros en axudas, xerando unha actividade de 28,5 millóns de euros. En concreto e tal e como pon de manifesto o informe, a actividade xerada con estas axudas impactou no resto da economía de Galicia cun incremento da produción total de 32,3 millóns de euros. Ademais, xerou en conxunto uns 777 postos de traballo.

A actividade xerada con estas axudas supuxo uns ingresos para as Administracións Públicas superiores ao seu importe, acadando case o 120% destas. Considerando soamente os ingresos para Galicia no marco do sistema de financiamento autonómico, a taxa de retorno sobre as axudas concedidas é do 22%.

Proxectos financiados

Ao abeiro do Hub, realizáronse nove rodaxes audiovisuais en Galicia, a preprodución de 64 obras audiovisuais, seis aplicacións para xestións culturais, máis de 500 concertos e outras producións musicais, adquisición de equipamento e dotación de activos para 38 entidades culturais, actividades de exhibición cinematográfica en sete entidades e o desenvolvemento de dous videoxogos. 

De esquerda a dereita, Luis Otero, Javier Ferreira, María Bastida e Miguel A. Vázquez Taín. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Luis Otero, Javier Ferreira, María Bastida e Miguel A. Vázquez Taín. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.02.2024.