Pasar al contenido principal

A USC, polo de atracción para o deporte feminino e o fomento da compatibilidade entre as carreiras académica e deportiva

Recepción aos equipos femininos no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Recepción aos equipos femininos no Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza mantida con diferentes clubs nos que participan estudantes da USC evidencia a aposta da institución compostelá pola diversidade no deporte
Santiago de Compostela

A USC continúa tecendo vínculos coa súa contorna deportiva para habilitar mecanismos e recursos cos que compatibilizar a traxectoria deportiva e a académica, alén de fomentar hábitos de vida saudables. A xuntanza mantida este venres 16 polo reitor Antonio López con máis de medio cento de representantes de catro clubs deportivos femininos que contan con estudantado da USC entre os seus membros, pon en valor esta colaboración, así como a aposta da Universidade de Santiago de Compostela polo deporte feminino e por destacar a carreira dual dos e das deportistas de alto nivel para que dispoñan dunha oferta físico-deportiva o máis axustada posible ao seu horario e necesidades, en coherencia coa súa traxectoria académica. 

O encontro co Fútbol Club Meigas, Victoria Fútbol Club, Club Voleibol Bruxas e Santiago Rugby Club, no que tamén participaron os delegados do reitor para o Deporte e para a Igualdade, Javier Rico e Marta Pérez Pereiro, serve tamén para poñer o foco en que case a metade das persoas participantes nas actividades deportivas organizadas pola USC son mulleres. O encontro, tal e como destacou o reitor, subliña “a aposta que está facendo e vai facer a USC por apoiar o tecido deportivo galego así como o fomento da vida activa e saudable de toda a cidadanía”. Antonio López tamén salientou o importante número de estudantes destes clubs que desenvolven a súa traxectoria académica e/ou investigadora na USC.

Proba do compromiso da institución compostelá co deporte e co tecido que o sustenta, é o investimento que cada ano se realiza na programación deportiva e que xa supera a barreira dos tres millóns de euros en cómputo anual, contía fornecida na súa totalidade pola USC. A intención radica, tal e como explicou Javier Rico, en que “a Universidade se converta nun polo de atracción de deportistas en etapa universitaria que poden vir estudar á USC e militar en clubs galegos”. De feito, a Universidade de Santiago de Compostela veu incrementado de xeito substancial o número de deportistas de alto nivel recoñecidos e que contan con titor/a de apoio nos seus centros académicos. En concreto, o número pasou de 27 estudantes no curso 2020/2021 a 70 no actual ano académico. Na actualidade, son máis de 30 as persoas titoras que apoian o estudantado na compatibilidade de estudos e deporte.

Federacións

Os vínculos tecidos pola USC non se limitan aos clubs, senón que tamén abranguen as federacións deportivas coas que a institución académica colabora en múltiples accións entre as que se atopan a organización de campionatos, núcleos de adestramento especializado ou diversas actividades formativas, tamén por exemplo en materia de arbitraxe. En concreto a colaboración da USC abrangue acordos coas federacións galegas de atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, fútbol, judo, karate, natación, orientación, rugby, taekwondo, tenis de mesa, tríatlon e voleibol.

Compromiso social

A USC ten capacidade de achegar a práctica físico-deportiva, de forma directa, a 30.000 persoas (entre PAS, PDI e estudantes). “Este é un investimento cunha rendibilidade segura en saúde”, matizou Antonio López. Neste senso, o delegado do reitor para o Deporte considera crucial “a máxima disposición da USC a converterse nun dinamizador da actividade físico-deportiva de toda a cidadanía, non só da comunidade universitaria”. A Universidade asume, continuou Javier Rico, “o compromiso de definir e desenvolver unha programación físico-deportivo que chegue a toda a cidadanía”. Ademais, tal e como lembrou Marta Pérez Pereiro, o feito de que o 50% das persoas participantes nas actividades organizadas pola USC sexan mulleres, é unha porcentaxe que non se dá noutros ámbitos, o que evidencia a “aposta pola atención á diversidade de xénero no deporte”.

Tanto a mellora como todo o investimento que se realice nas infraestruturas, tal e como recorda Javier Rico, permitiría o desenvolvemento dun maior número de accións que redundarían non só na comunidade universitaria, senón tamén na sociedade compostelá no seu conxunto xa que a situación do Campus de Santiago de Compostela “é privilexiada para facilitar o acceso da cidadanía á práctica físico-deportiva”. De feito, as categorías B e C, persoas externas á USC, abranguen o 25% dos 7.200 usuarios rexistrados na aplicación da Área Deportiva da USC, sen ter en conta os 800 que usan cada semana as instalacións (10% a maiores) nin as 1.500 que participan de forma puntual nalgunha actividade.

Á colaboración materializada na xuntanza deste venres engádese a outras que xa se viñeron desenvolvendo nos últimos meses como é o caso do CB Ensino, Burela Pescados Rubén ou EMEVÉ de voleibol, entre outras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.02.2024.